Preocupación internacional polos ataques acontecidos no territorio de Transnistria

As autoridades de Transnistria, Moldavia, a Unión Europea ou Rusia teñen amosado a súa preocupación polos ataques rexistrados na madrugada da terza feira no territorio de Transnistria. O secretario xeral das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, reclamou na terza feira desde Rusia "acabar coa guerra canto antes".
Bandeira de Transnistria nun edificio da súa capital, Tiráspol. (Foto: Diego Herrera / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera Bandeira de Transnistria nun edificio da súa capital, Tiráspol. (Foto: Diego Herrera / Zuma Press / Contacto Photo)

A presidenta de Moldavia, Maia Sandu, reuniu o Consello Supremo de Seguridade do país despois das explosións rexistradas na madrugada da terza feira na rexión de Transnistria (que declarou a súa independencia de Moldavia en 1990, pese a non ter recoñecemento internacional). Pola súa parte, o Consello de Seguridade de Transnistria activou o código vermello de emerxencia terrorista polos incidentes, os cales non produciron ningunha vítima mortal.

O Consello de Seguridade de Transnistria denunciou "tres ataques terroristas" contra "infraestruturas e institucións da República", incluídas torres de comunicación e unha base militar. Concretamente, manifestou que as zonas atacadas foron "o edificio do Servizo de Seguridade en Tiráspol, unha unidade militar na localidade de Parcani e antenas de comunicación perto da localidade de Maiak", sen que polo momento estea clara a autoría dos incidentes.

Transnistria estivo no albo dos medios de comunicación nas últimas semanas polas súas relacións co Goberno ruso e a súa importante posición xeoestratéxica. As autoridades ucraínas chegaron a denunciar supostas incursións rusas cara ao oeste de Ucraína desde este territorio.

A Unión Europea (UE) mostrou na terza feira a súa preocupación polas explosións rexistradas en Transnistria. "Isto é especialmente preocupante na situación rexional actual e é prexudicial para a seguridade e a estabilidade de Moldavia", indicaron fontes diplomáticas da UE.

A Presidencia de Rusia tamén afirmou na terza feira sobre o acontecido en Transnistria que "as noticias que chegan causan preocupación", dixo o portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, quen tamén afirmou que o Goberno ruso está "seguindo de perto a situación" neste territorio.

Guterres visita Moscova

O secretario xeral das Nacións Unidas (ONU), António Guterres, reclamou na terza feira desde Rusia "acabar coa guerra canto antes" e impulsar "un diálogo efectivo" para lograr unha "solución pacífica" ao conflito en Ucraína.

Guterres indicou antes da súa reunión co ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, que a situación en Ucraína é "complexa" e que existen "diferentes interpretacións sobre o que está a pasar", aínda que apostou por "manter un diálogo moi serio sobre que pode facerse para minimizar o sufrimento".

"Tamén estamos interesados en calquera cousa que poida facerse para minimizar o impacto [das guerras] sobre outros lugares do mundo", sinalou Guterres, que tamén terá un encontro co presidente ruso, Vladimir Putin, durante a visita, previa ao seu viaxe a Ucraína, que terá lugar na quinta feira.

Comentarios