A UE e a OTAN buscan integrar novos Estados de Europa do leste

A Comisión Europea entregou o cuestionario de adhesión á UE a Moldavia e Xeorxia mentres Suecia e Finlandia debaten a súa entrada na OTAN. Borrell sinala a vía militar como única saída da guerra.
Reunión da Asemblea Xeral da OTAN en Bruxelas o pasado 7 de abril. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión da Asemblea Xeral da OTAN en Bruxelas o pasado 7 de abril. (Foto: Europa Press)

A Comisión Europea entregou esta segunda feira o cuestionario de adhesión á Unión Europea (UE) a Moldavia e Xeorxia, dous países que seguiron o ronsel de Kiev e solicitaron o seu ingreso formal no bloque tras a invasión rusa de Ucraína.

Bruxelas comprometeuse a acelerar todos os procesos relativos a estes países, en especial no caso de Ucraína, en sinal de respaldo fronte á invasión deste país por Rusia.

Pola súa parte, Finlandia e Suecia abriron os respectivos debates parlamentarios para estudar pedir o seu ingreso na OTAN, segundo confirmou o ministro finlandés de Exteriores, Pekka Haavisto, que fixo referencia á coordinación que existe entre Helsinqui e Estocolmo para este obxectivo.

Funcionarios dos dous países sinalaron ao diario británico The Times que ambas as nacións estarían listas para unirse á OTAN "antes de verán" e desta forma, pasaría a Alianza Atlántica a contar con 32 membros.

Con respecto a esta potencial adhesión, as autoridades de Rusia negaron esta segunda feira que a inclusión de Finlandia e Suecia na OTAN permita aumentar a seguridade en Europa en plena guerra de Ucraína. O portavoz do Kremlin, Dimitri Peskov, alertou de que a alianza "xa representa en si mesma unha ferramenta para provocar a confrontación".

Cambio de regras

O ministro de Exteriores de Rusia, Sergei Lavrov, indicou esta segunda feira que as declaracións do Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, sobre que a guerra de Ucraína só pode resolverse pola vía militar "cambian significativamente as regras do xogo".

Batalla de Mariupol

As autoridades da República Popular de Donetsk aseguraron esta segunda feira que as forzas rusas teñen tomado o control do porto da cidade de Mariupol, un enclave de importancia pola súa localización. Mariupol está considerada unha conquista chave para os intereses militares de Rusia, na medida en que lle permitiría avanzar nos seus esforzos de unir os Oblast de Lugansk e Donestk coa península de Crimea.

China pide investigar o acontecido en Kramatorsk

China pediu esta segunda feira "verificar e comprobar" as circunstancias e as causas do ataque con mísil sobre unha estación de tren na cidade ucraína de Kramatorsk.

Comentarios