Transnistria alerta de ataques desde a fronteira con Ucraína

Mentres medra a tensión polos ataques en Transnistria, este territorio alerta de ataques que chegan desde a fronteira ucraína. Ao tempo, A OTAN deixa entrever posíbeis ataques rusos de falsa bandeira.
Tiráspol é a capital do territorio de Transnistria. (Foto: Gilles Bader / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera Tiráspol é a capital do territorio de Transnistria. (Foto: Gilles Bader / Zuma Press / Contacto Photo)

As autoridades do territorio de Transnistria, cunha Administración propia e independente desde 1990, aínda que sen recoñecemento internacional sobre a súa independencia de Moldavia, denunciaron esta cuarta feira disparos desde Ucraína.

Os novos ataques terían lugar contra os arredores da localidade de Kolbasna, onde se atopa un importante depósito de armas e municións, no medio do reponte das tensións na zona derivada dos bombardeos que sufriu Transnistria na terza feira.

O Ministerio do Interior da rexión sinalou que durante a noite da terza deira detectáronse "varios drons" na zona e agregou que á primeira hora do día de onte "efectuáronse disparos desde o lado ucraíno en dirección a Kolbasna".

"Polo de agora non se recibiron informacións sobre vítimas. Lembren que na localidade de Kolbasna hai un almacén de armas. Segundo expertos, é o maior almacén de municións en Europa", destacou.

Pola súa parte, o ministro de Exteriores do territorio, Vitali Ignatiev, dixo que as explosións rexistradas en Transnistria "non foron aleatorias" e subliñou que "a situación é moi difícil" por mor do que describiu como "ataques terroristas". É ben coñecido que Transnistria recibiu a máis de 25.000 refuxiados ucraínos".

"Esta xente está totalmente integrada na nosa sociedade, os nenos van á escola e á gardería e reciben educación en ucraíno", manifestou. "Por desgraza, Transnistria sofre por algúns motivo actos que supoñen unha ameaza terrorista", lamentou Ignatiev.

Neste sentido, reclamou ás autoridades de Moldavia que "non sucumban ás provocacións" e que "non se implique a Moldavia na agresión contra Transnistria", antes de rexeitar as palabras da presidenta moldava, Maia Sandu, vinculando as explosións na rexión con disputas internas.

En reacción aos sucesos que están a ocorrer no territorio de Transnistria, a OTAN deixou entrever onte posíbeis ataques rusos de falsa bandeira, á luz da guerra en Ucraína e das implicacións na seguridade do país.

Comentarios