Alejandro López, coordinador de 'Descifrando a guerra': "A guerra ucraína marcará o novo taboleiro xeopolítico"

O antropólogo e analista internacional Alejandro López é coordinador no medio de comunicación Descifrando la guerra, especializado no seguimento e na análise da política internacional. López vén de publicar o libro 'Ucraína. O camiño cara á guerra', Nós Diario fala co autor sobre esta publicación.
Alejandro López é autor de 'Ucrania. El camino hacia la guerra'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alejandro López é autor de 'Ucraína. O camiño cara á guerra'. (Foto: 7 Noticias)

—Que podemos atopar neste libro que acaba de publicar?

O libro repasa extensamente os antecedentes e o contexto máis importante para poder entender o conflito de Ucraína.

—Antes da invasión rusa xa había un conflito no leste de Ucraína.

O conflito non empeza este ano senón que xa vén desde cando menos fai oito anos, pasando por distintas fases de perfil máis baixo e de maior intensidade. Agora comeza a fase de internacionalización do conflito coa invasión de Rusia, o que lle da unha nova dimensión xeopolítica e mediática.

—Vostede afirma que para entender o conflito é preciso retrotraerse ao pasado, tanto que o primeiro capítulo do libro comeza no Século IX co nacemento da Rus de Kíiv.

É importante acudir ao contexto histórico da identidade porque esa é unha das diferencias dentro das comunidades que viven na Ucraína moderna. Ese sentimento nacionalista ucraíno ou ese sentimento de pertenza a outra etnia e comunidade política ou relixiosa. Sobre todo a nivel de identidade cultural, é dicir, os grupos máis vencellados á Rusia histórica e os máis próximos á Ucraína moderna, que tende a coincidir máis con países como Polonia, Romanía e Hungría que foron transferidos e nos que se foi conformando un Estado durante a Unión Soviética. Na Rus de Kíiv é onde reside esa suposta identidade común entre os pobos, mentres que durante o Imperio ruso e a Unión Soviética é onde se vai conformando un Estado en base a esas identidades que teñen xurdido previamente. 

—Que importancia ten o acontecido após a Guerra fría?

Ollando o espazo pos soviético nos anos 90 enténdese o intento de achegamento entre Rusia e Occidente na época de Boris Eltsin, na que hai unha especial sintonía entre as partes. Porén, non se consegue ningún tipo de encaixe para Rusia e outros países no concerto internacional, en parte debido á expansión da OTAN. O feito de que Rusia se vexa desprazada do taboleiro internacional deriva en varios conflitos, como é o caso das guerras de Chechenia e Xeorxia.

—Explica vostede que a división comeza moito antes, xa no 2004.

Máis alá do Maidan, que é onde se adoita pór o foco, a Revolución Laranxa é unha das orixes deste conflito. En 2004, unha vez Leonid Kuchma deixa o Executivo, prodúcese unha fractura entre eurófilos e rusófilos. Os primeiros desenvolven unha mobilización en denuncia dunha suposta fraude electoral de Viktor Yanukovych, que se salda co período presidencial de Viktor Yushchenko. No 2014, coa nova vitoria de Yanukovych, sen sospeitas de fraude electoral, os eurófilos centran as protestas na solicitude dun cambio de tendencia da política exterior ucraína cara á Unión Europea, o que remata no levantamento do Maidan, no que se toman varias cidades occidentais e se ameaza con facer o mesmo en Kíiv. Esta mobilización ten unha compoñente de revolución liberal apoiada por elementos de extrema dereita, outra de apoio do exterior e unha terceira de golpe de Estado ao non se cumprir os procedementos constitucionais para a destitución de Yanukovych.

—Que papel xoga a política de Seguridade da OTAN?

Este é o punto que sinala Rusia máis fortemente. Aparentemente falamos dun conflito político en Ucraína, mais detrás hai un contexto maior, como a demanda rusa de garantías de seguridade con respecto á OTAN, que non necesariamente teñen que ver só con Ucraína. Neste contexto, Rusia fai mención á ameaza que supón a expansión da OTAN, ao feito de que se instalen bases próximas ao seu territorio e ao despregue militar cada vez máis numeroso na Europa do leste. A promoción de revolucións liberais que fan gañar terreo á OTAN tamén se sinala como unha ameaza. Diante disto, Rusia reacciona e comeza a tomar posicións directamente ofensivas. A falta de garantías de seguridade, que se negocian sen éxito durante o final de 2021 e o comezo de 2022, fai estalar o conflito.

—Cales son chaves das dúas sinaturas dos Acordos de Minsk?

A primeira sinatura busca en 2014 un alto o fogo rápido sen moito contido político. Porén, despois continúan as hostilidades até 2015, e o apoio de Rusia aos separatistas consegue reverter a tendencia do conflito. Este apoio fai que Kíiv lle comece a interesar a sinatura dun novo compromiso. A segunda sinatura dos Acordos de Minsk consegue conxelar as hostilidades, estabelecer unha superficie de separación na fronte de batalla para evitar os movementos de armamento, e chegar a acordos de tipo político entre os que destaca o encaixe do Donbás dentro de Ucraína. A Rusia tamén lle interesaba este encaixe, non buscaba necesariamente a independencia do Donbás, que non recoñeceu na altura. O interese ruso era que a poboación rusófila puidera ter influencia política. Ucraína, cunha base política moi nacionalista neses momentos, non cumpre coa reintegración do Donbás, na que insistía Rusia, o que supón o principal punto de quebre que desemboca na internacionalización do conflito.

Unha convivencia difícil de restabelecer

Para Alejandro López o máis importante para Ucraína é cando e como finaliza a guerra, pois entende que canto máis territorio gañe Rusia máis complicado vai ter o Estado ucraíno conservar a súa integridade territorial. Porén, sinala López, "é moi complicado volver a equilibrar o que se ten roto", que explica que con independencia do territorio que Ucraína conserve "é moi difícil, se non se da unha partición do país, que as comunidades (a que é partidaria do achegamento á Unión Europea e a que ten preferencia pola proximidade con Rusia) poidan convivir de novo tendo en conta a crispación que tivo lugar". Para o autor, o conflito en Ucraína abre a posibilidade dunha nova Guerra fría, ademais, afirma que as perspectivas son dunha "ruptura de pontes entre Occidente e Rusia". "O que aconteza en Ucraína será un marcador do novo taboleiro xeopolítico", opina López.

Comentarios