As 13 preguntas e respostas para entender a relevancia da OTAN

O 32º Cumio da OTAN converte Madrid en epicentro da ollada internacional do 28 ao 30 de xuño. Aos 30 líderes da alianza militar sumaranse os de Suecia e Finlancia -que comezaron o proceso de adhesión-, así como de Australia, Corea de Sur, Xapón e Nova Zelandia, así como de Austria, Chipre, Irlanda, Maltam Georgia e Ucraína. Tamén participarán os presidentes do Consello Europeo e da Comisión Europea.

Margarita Robles, co xefe da Brigada de Paracaidisyas(I-D) El general Jefe de la Brigada Paracaidista de 'Almogávares', Luis Jesús Fernández Herrero; la ministra de Defensa, Margarita Robles y el jefe de la Fuerza Terrestre, José Rodríguez García, a su llegada a la base ‘Príncipe’ de Paracuellos de Jarama para visitar la Brigada ‘Almogávares’ VI de Paracaidistas del Ejército de Tierra, a 24 de junio de 2022, en Paracuellos de Jarama, Madrid (España). Desde hace 30 años, esta Brigada ha intervenido en la antigua Yugoslavia bajo el paraguas de la ONU, de la OTAN, y de la UE en la década de los 90, después en Kosovo, Mozambique, Afganistán o Pakistán. En los últimos años, se ha desplegado en Líbano con la UNIFIL para el mantenimiento de la paz con Israel, y ha llevado a cabo en distintos periodos labores de instrucción de militares de ejércitos amigos en Malí y en Irak. leer menos
photo_camera Margarita Robles, co xefe da Brigada de Paracaidistas de 'Almogávares', Luis Jesús Fernández Herrero, o 24 de xuño. Esta brigada interveu en Iugoslavia baixo o amparo da OTAN.

Con motivo do Cumio da OTAN que decorrerá en Madrid do 28 ao 30 de xuño e que provocou protestas en distintos puntos do Estado español, recollemos as principais preguntas e respostas máis descoñecidas ao redor desta alianza atlantista.

Forman parte da OTAN todos os Estados da UE?

Non. Austria, Chipre, Irlanda e Malta, membros da UE, non están integrados na OTAN, da que forman parte un total de 30 Estados: Os 12 fundadores -EUA, Canadá, Bélxica, Dinamarca, Francia, Holanda, Islandia, Italia, Luxemburgo, Noruega, o Reino Unido e Portugal-, Grecia, Turquía, Alemaña, España, Hungría, Polonia, República Checa, Romanía, Bulgaria, Eslovenia, Eslovaquia, Estonia, Letonia, Lituania, Albania, Croacia, Montenegro e Macedonia do Norte.

Que países formaron parte da OTAN e xa non participan dela a día de hoxe?

Chipre e Malta, como colonias británicas, formaron parte da OTAN, mais ao recuperar a súa independencia, en 1960 e 1964, respectivamente, acordaron non unirse á alianza.

Que aconteceu tras a disolución do Pacto de Varsovia?

A fin da guerra fría non supuxo a disolución da OTAN. De feito, case a metade dos 30 socios actuais adheríronse após a disolución do Pacto de Varsovia, en 1991.

Como se sucedeu a extensión da OTAN cara ás fronteiras rusas?

En 1999 foron admitidas as ex repúblicas soviéticas Hungría, Polonia e a República Checa; en 2004, fan parte as tres repúblicas Bálticas, Estonia, Letonia e Lituania, así como Bulgaria, Romanía, Eslovaquia e Eslovenia. En 2009 súmanse Albania e Croacia, en 2017 Montenegro e en 2020, Macedonia do Norte.

En que condicións fai parte o Estado español na OTAN?

En 1982, baixo o Goberno da UCD dirixido por Leopoldo Calvo Sotelo materializouse o ingreso do Estado español na OTAN. A cidadanía do Estado español aprobou por referendo en 1986, da man de Felipe González, entrar na estrutura civil na OTAN. O enunciado da pregunta vinculante da consulta popular recollía explicitamente:

  1. “A participación de España na Alianza Atlántica non incluirá a súa incorporación á estrutura militar integrada”
  2. “Manterase a prohibición de instalar, almacenar ou introducir armas nucleares en territorio español”
  3. “Procederase á redución progresiva da presenza militar dos EUA en España”.

Incumpriu o Estado español os termos do referendo?

En 1995, co nomeamento de Javier Solana -un dos membros do PSOE que fora máis contrario á OTAN- como secretario xeral da alianza, o Exército español xa estaba a participar na guerra dos Balcáns, onde as forzas da OTAN bombardearon Serbia. En 1997, José María Aznar acordou que os EUA poderían instalar armas nucleares no Estado español e en 1999 incorporouse á estrutura militar integrada. En definitiva, incumpríronse as tres condicións recollidas no referendo impulsado polo PSOE: non facer parte da estrutura militar, non permitir instalar armas nucleares e a redución da presenza militar dos EUA.

Por canto gañou o “si” no referendo?

No referendo participou 59,4% do electorado. 52,5% votou o “si” á permanencia na OTAN, porcentaxe que Felipe González, que en 1982 abandeirara unha intensa campaña contra o ingreso do Estado español na organización, cualificara de “un éxito de todo o pobo español”. O non concitou o 43,1% dos votos.

Votou en contra algunha autonomía?

Si. En Euskadi, o non impúxose por 67,55%, en Nafarroa, alcanzou o 56,72%, en Catalunya, o 53,72% e nas Canarias o 53,69%. Na Galiza opúxose a entrar na OTAN 40,9% do electorado.

É o desta semana o primeiro cumio da OTAN que decorrerá en solo español?

Non, o 8 e o 9 de xullo de 1997, Madrid acolleu o seu primeiro cumio.

Cal é o balance da participación militar do Estado español na OTAN?

O Estado español comezou a participar en misións da OTAN en 1992 e desde entón interveu nun total de 22 misións, con 125.000 militares. Segundo datos do Goberno estatal, perderon a vida 119 españois. Nada se sabe dos falecementos causados no bando contrario. As tropas españolas foron despregadas en Bosnia, Kosovo, Afganistán, no Golfo do Adén e no Corno de África. Na actualidade, o Exército español participa en sete misións da OTAN: na Policía Aérea do Báltico, nos Grupos Navais Permanentes, na Operación ‘Sea Guardian’ do Mediterráneo, na Presenza Avanzada Reforzada, na Operación Apoio a Turquía e na Operación Resolución Inherente no Iraq.

En que guerras interveu a OTAN?

A OTAN estivo implicada en varios conflitos bélicos ao longo da súa historia. Os máis significativos foron as guerras dos Balcáns, a do Afganistán, a do Iraq e a de Libia.

Por que foi polémica a participación na guerra de Iugoslavia?

A OTAN interveu na guerra de Bosnia entre 1992 e 1995, sen violar, formalmente, o Dereito Internacional, xa que xustificou a participación en garantir unha zona de exclusión aérea en aplicación da resolución 781 do Consello de Seguridade da ONU, e en levar a cabo ataques aéreos contra as forzas iugoslavas en cumprimento das resolucións 816, 836 e 958 do citado órgano. Porén, en 1999, a OTAN atacou Iugoslavia sen contar con aval xurídico ningún do Consello de Seguridade da ONU e sen poder invocar tampouco o dereito á lexítima defensa. Entre os avións que participaron no ataque atopábanse oito F-18 e dous KC-130H, do Exército español.

E a intervención no Afganistán?

Segundo o artigo 5 do Tratado do Atlántico Norte, o ámbito xeográfico de actuación da OTAN, no exercicio do dereito de lexítima defensa, limítase a América do Norte e a Europa, mais o Concepto Estratéxico non estabelece límite xeográfico ningún. A de Afganistán foi unha intervención fóra da zona de actuación que os aliados pretenderon xustificar baseándose no Concepto Estratéxico de 1999. A expansión ilimitada do ámbito de actuación recóllese no Concepto Estratéxico de 2010, onde se recolle que “as crises e os conflitos máis alá das fronteiras da OTAN poden representar unha ameaza directa á seguridade do territorio e á poboación da Alianza. Por tanto, a OTAN involucrarase onde sexa posíbel e necesario, para previr crises, xestionar crises, estabilizar situacións pos conflito e apoiar a reconstrución”.

Comentarios