O Estado español conmemora 40 anos do ingreso na OTAN

A incorporación á OTAN non recollía sumarse á súa estrutura militar.
Marcha contra a OTAN desde Cambados a Vilagarcía en febreiro de 1986, coa presenza, entre outros, de Bautista  Álvarez, Suso Veiga, Carlos Barros, Xosé Manuel Beiras e Geluco Guerreiro. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Marcha contra a OTAN desde Cambados a Vilagarcía en febreiro de 1986, coa presenza, entre outros, de Bautista Álvarez, Suso Veiga, Carlos Barros, Xosé Manuel Beiras e Geluco Guerreiro. (Foto: Xan Carballa)

O 30 de maio de 1982 o Congreso dos Deputados aprobou a integración do Estado español na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Votaron a favor a Unión de Centro Democrático (UCD), liderada naquel momento polo presidente do Executivo, Leopoldo Calvo-Sotelo; Alianza Popular (AP), o PNV e CiU. Sumaron así 186 votos a prol, fronte a 146 de formacións de esquerdas.

O deputado socialista por Pontevedra, José Vázquez Fouz, estaba aquel día no Congreso. "Non teño ningún recordo de aquel día de maio en que o presidente Calvo-Sotelo someteu a votación o ingreso nunha Cámara impactada, aínda, polo golpe de Estado de 1981", sinala Vázquez Fouz a Nós Diario, lembra iso si, o cambio de posición dos socialistas, "moi condicionada porque esta cuestión era imprescindíbel para integrarse no que naquela altura chamábamos o Mercado Común Europeo". O veterano político do PSOE considera "a decisión como un éxito, como demostra o paso dado estas semanas por Suecia e Finlandia".

"O golpe de Estado foi decisivo para esta decisión", comenta a Nós Diario o dirixente do Partido Comunista de Galicia Carlos Dafonte, que entende que lle "deu argumentos ao PSOE para cambiar de postura, afirmando que era necesario modernizar o exército e mudar o seu papel". Dafonte, por aquel entón concelleiro comunista en Lugo, afirma que "a derrota da esquerda nas elección de 1982, da que non volveu levantar cabeza, deu ao PSOE novos folgos para formular o referendo de 1986, un referendo que tiñamos gañado e que se perdeu durante a campaña polo apoio fechado dos medios á estratexia dos socialistas".

Pola súa parte, o nacionalista Francisco Rodríguez, que naquela altura era secretario xeral da UPG e traballaba por reformular o Bloque con outros nacionalistas, opina que o "PSOE sempre estivo a favor de entrar na OTAN. Porén, nun primeiro momento, non podía explicitar esta postura".

"O máis importante", resalta Rodríguez, "foi que se evidenciou que a integración na OTAN era básica para integrarse no Mercado Común Europeo. Todo o mundo da esquerda negaba a nosa posición de que a OTAN e o Mercado Común Europeo eran o anverso e o reverso da mesma moeda, porén, a situación actual deixa poucas dúbidas ao respecto". "Opuñámonos á OTAN porque enfeudaba o Estado español no sistema capitalista e representaba unha estratexia de agresión contra os países socialistas", continúa Rodríguez, "mais o tempo permitiunos comprobar que se trataba dun proxecto de hexemonía a nivel global para controlar o mundo".

Referendo

O 12 de marzo de 1986, nun referendo convocado polo Goberno de Felipe González, o Estado e a Galiza votaron maioritariamente a favor da integración na OTAN.

Porén, as condicións aprobadas pola cidadanía naquela consulta nunca chegaron a cumprirse, xa  que a poboación validou, seguindo os termos do referendo, que "a participación de España na Alianza Atlántica non incluirá a súa incorporación á estrutura militar integrada", o que implicaba a ausencia das tropas españolas nos operativos bélicos da OTAN. A participación de tropas españolas na primeira guerra do Golfo (1991) confirmou que o Estado entrara de facto na alianza militar.

Pedro Sánchez anuncia un incremento do gasto militar

O Teatro Real de Madrid acolleu esta segunda feira os actos conmemorativos do 40 aniversario da incorporación do Estado español á OTAN. Os mesmos contaron coa presenza dos embaixadores dos 30 Estados que fan parte da Alianza, do seu secretario xeral, Jens  Stoltenberg, do rei Felipe VI e do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, ausentándose do acto as cinco ministras e ministros de Unidas Podemos.

Na súa intervención, Sánchez considerou "imprescindíbel" aumentar o investimento en defensa. "Debemos facer ese esforzo" apuntou, porque "é moito maior o custo de quedar de brazos cruzados", mentres se pon "en xaque a liberdade e o modelo de convivencia pacífica". Na mesma liña, defendeu que "a seguridade non está garantida de forma indefinida" e puxo a guerra de Ucraína como exemplo da importancia da OTAN.

Felipe VI sinalou en relación á incorporación do Estado á OTAN que "o noso país comezaba a camiñar pola senda que nós eliximos, para avanzar xunto a pobos que tamén cren na liberdade" e asegurou que "contribuirá ao obxectivo final de que a Alianza sexa máis forte, máis intelixente, máis eficiente e mellor preparada e equipada para afrontar colectivamente unha nova contorna de seguridade máis complexo".

Comentarios