venres 24/09/21

Os crimes en Kosovo chegan á Haia

Na década de 1990 e especialmente a partir de 1998, cando estalou a guerra, en Kosovo producíronse masivos crimes contra a humanidade. O primeiro xuízo por esta causa, a un ex comandante albano-kosovar, comeza hoxe na Haia nun tribunal que critican desde a ex provincia serbia e que enmarcan na "sedución" a Belgrado desde Occidente.
merkel_vucic_13set2021
A chanceler alemá, Angela Merkel, e o presidente serbio, Aleksandar Vucic, esta semana en Belgrado (Foto: Presidencia de Serbia)

O ex comandante do Exército de Liberación de Kosovo (UÇK, nas siglas en albanés) Salih Mustafa comparecerá hoxe ante o Tribunal Especial para Kosovo (en inglés e oficialmente, Kosovo Specialist Chambers, KSC) no inicio do primeiro proceso xudicial por crimes de guerra en Kosovo, durante o conflito bélico e nos meses posteriores (1998–2000). 

Mustafa, que tras a fin da guerra dirixiu os servizos de intelixencia da Forza de Seguridade de Kosovo ─corpo derivado do UÇK─ está acusado de detención ilegal, tratos crueis e tortura a polo menos seis civís nun centro de detención en Zllash, en 1999, así como da execución dun prisioneiro.

As KSC foron estabelecidas en agosto de 2015 polo Parlamento de Kosovo. Aínda que fan parte do sistema xudicial kosovar, a súa sede está localizada na Haia. Os aliados occidentais de Pristina presionaron neste sentido, argumentando que as institucións do país aínda non eran suficientemente robustas para xulgar estes casos e protexer as testemuñas, dados os antecedentes nos casos xulgados polo Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia.

Tamén o ex presidente de Kosovo (2016-2020) e ex xefe político do UÇK, Hashim Thaçi, foi imputado polas KSC, aínda que a data do xuízo está por determinar. Thaçi dimitiu o 5 de novembro de 2020 tras a súa inculpación. Canda outros tres sospeitosos, está acusado de crimes de guerra e de crimes contra a humanidade, supostamente cometidos durante o conflito que deixou arredor de 13.000 persoas falecidas.

O UÇK era unha milicia independentista, etnicamente albanesa, que exerceu a loita armada durante a década de 1990 contra a República Federal de Iugoslavia e contra Serbia, co fin de lograr a independencia de Kosovo e coa creación da "Grande Albania" no horizonte. Foron anos en que a maioría albanesa na entón provincia serbia sufriu discriminación e un intenso acoso e por parte das autoridades de Belgrado.

O conflito finalizou co bombardeo contra Serbia por parte da OTAN na primavera de 1999, unha acción duramente criticada internacionalmente dado que era a primeira vez que a Alianza Atlántica usaba a forza militar sen a aprobación do Consello de Seguridade da ONU. A determinación do entón presidente dos Estados Unidos, Bill Clinton, que comparou os sucesos de Kosovo co Holocausto, foi decisiva. 

A provincia serbia declarou unilaterlamente a independencia en 2008. Porén, son numerosos os países ─alén de Serbia─ que aínda non a recoñecen como Estado, entre outros Arxentina, Brasil ou China. Tampouco o fan cinco membros da UE: Chipre, Eslovaquia, España, Grecia e Romanía.

Diplomacia Merkel

O xuízo a Mustafa coincide coa visita aos Balcáns da presidenta do Goberno alemán, Angela Merkel, dentro dunha tournée de despedida antes de abandonar a primeira liña política. Na segunda feira estivo en Belgrado, onde sostivo que a cuestión de Kosovo debe ser resolta antes de Serbia acceder á UE.

Bruxelas está a realizar un importante esforzo para atraer os países dos Balcáns e afastalos da influencia rusa e chinesa. Nunha conferencia conxunta co presidente serbio, Aleksandar Vučić, a propia Merkel recoñeceu o grande interese xeoestratéxico que os Balcáns teñen para a UE, informou a TV pública serbia RTS.

En calquera caso, preguntada por se o recoñecemento de Kosovo sería condición sine qua non, Merkel insistiu en que "certas cuestións deben ser solucionadas para rematar o proceso"da integración comunitaria de Serbia. 

Pola súa banda, Vučic declarou: "Creo que é bon que este problema se resolva nesta xeración, non deixalo para outra. Mais ten que ser unha solución de consenso, non unha que sexa humillante e de derrota para Serbia". 

A chanceler alemá viaxou onte a Tirana, onde se reuniu co primeiro ministro de Albania, Edi Rama. Despois mantivo un xantar cos xefes de Goberno dos seis países dos Balcáns Occidentais, e finalmente reuniuse por separado cos primeiros ministros de Montenegro, de Bosnia e Herzegovina, de Macedonia do Norte e de Kosovo.

Vara de medir "desigual"

Este último, Albin Kurti, defendeu nas horas previas á xuntanza a apertura dos arquivos do UÇK para axudar a resolver onde están as persoas que permanecen desaparecidas desde a guerra de Kosovo, informou o dixital kosovar Gazeta Express. "Non hai Estado tan transparente como Kosovo", dixo, asegurando que non teñen nada que ocultar porque o país está baixo administración internacional desde 1999.

Porén, insistiu en que tamén Belgrado debe abrir os seus arquivos "porque os asasinatos, as fosas, os masacres [...] non foron feitos por cidadáns serbios, mais polo Estado de Serbia dun modo organizado". Activistas polos dereitos humanos, como a ONG rexional YIHR exixiron na segunda feira a ambos os dous Gobernos que abran senllos arquivos, informou Balkan Insight.

Desde Kosovo obsérvase con preocupación a mudanza na estratexia dos EUA e da UE cara ao conflito serbio-kosovar. Argumentan que no obxectivo de atraer a Belgrado estanse a facer demasiadas concesións e a ignorar os crimes de "limpeza étnica" cometidos polas forzas serbias.  

Dentro deste 'cortexo' de Occidente enmarcan a creación das KSC. A semana pasada sete militantes do Partido Socialdemócrata de Kosovo foron detidos por boicotear un acto en Pristina do tribunal, que critican por centrar as súas investigacións só nos albano-kosovares, obviando ─din─ as violacións, torturas e execucións cometidos polas forzas serbias. 

Riscos das promesas incumpridas pola UE

O comisario para a Ampliación da UE, o húngaro Olivér Várhelyi, defendeu nunha entrevista no xornal do seu país 'Magyar Nemzet' a necesidade de finalizar co proceso de integración dos países balcánicos. "Debemos cumprir coas promesas realizadas aos Balcáns Occidentais [neoloxismo usado na UE para referirse aos países da ex Iugoslavia ─menos Eslovenia─ e Albania]. Esta é unha das leccións máis importantes da situación afgá", declaraba. Várhelyi sostén que, tras as condicións impostas, se o proceso segue a ser dilatado no tempo, hai risco de que a rexión sexa foco dunha nova crise migratoria cara á UE. A cimeira Bruxelas-Balcáns Occidentais do 6 de outubro busca activar investimentos prometidos: unha reacción dos 27 ante o achegamento á China e a Rusia, que facilitaron axuda a estes países para combater a pandemia ante o abandono da UE nos primeiros meses da Covid-19.

comentarios