Defensa duplicou en 2022 a presenza de tropas españolas en misións da OTAN

A comezos de ano eran 685 militares e agora superan xa os 1.600. Están destinados a países como Letonia, Bulgaria ou Iraq, nunha misión esta última que o Estado español aspira a liderar.
Tropas españolas en Letonia. (Foto: Ministerio de Defensa)
photo_camera Tropas españolas en Letonia. (Foto: Ministerio de Defensa)

O Estado español aumentou nun milleiro os efectivos despregados en misións da OTAN durante o primeiro semestre de 2022, coincidindo co inicio da guerra en Ucraína e o aumento das misións no flanco leste da organización militar fronte á ameaza rusa.

As Forzas Armadas iniciaron o ano cun despregamento de 685 militares nas distintas operacións internacionais da Alianza Atlántica. No mes de xuño, esa cifra supera xa os 1.600 militares logo de progresivos aumentos, segundo datos que vén de proporcionar o Ministerio de Defensa.

Malia que non só participan en misións de disuasión na fronteira con Rusia, a guerra en Ucraína foi o detonante para este incremento de tropas en resposta á chamada dos países bálticos para aumentar as capacidades 'aliadas' nos seus territorios.

A misión que rexistrou o maior aumento foi a de Letonia, da que o Estado español participa desde o ano 2017. Os 350 efectivos alí despregados creceron até o medio centenar a mediados de marzo e este mesmo mes alcanzarán os 600, após a decisión de Defensa de reforzar a misión cunha batería de mísiles.

A novidade foi este ano o despregamento por vez primeira en Bulgaria para vixiar o ceo do Mar Negro. Até alí desprazáronse un total de 130 efectivos con catro avións de combate Eurofighter. A esta operación seguiuna unha misión en Lituania con oito cazas F-18, o maior despregamento español nunha operación destas características.

Neste mesmo marco encádranse as misións de policía aérea, das que o Estado español participa anualmente con despregamentos de tres meses do Exército de Aire. A súa misión é a vixilancia do espazo aéreo aliado, coa disuasión das aeronaves que voan sen cumprir cos plans internacionais.

A maiores, entre o 22 de agosto e o 12 de setembro está previsto o despregamento de catro Eurofighter en Estonia, en apoio do destacamento aéreo alemán no devandito país e para realizar actividades de interoperabilidade de Eurofighter alemáns e españois. Defensa culmina así un despregamento inédito de tres misións de policía aérea nun mesmo ano.

Presenza naval no Mediterráneo

Esta mesma segunda feira unha fragata española incorpórase á operación Sea Guardian da OTAN, dedicada a combater o terrorismo no Mediterráneo e o coñecemento da contorna marítima. O Estado español tamén conta con buques encadrados nas agrupacións navais permanentes da Alianza no Mediterráneo e o Mar Negro, aínda que en ningún momento accederon á zona de conflito para evitar calquera 'rozamento' con Rusia.

Por último, as tropas españolas están presentes na misión da OTAN despregada en Iraq, que aspira a liderar o próximo ano, e tamén mantén unha batería antimísiles Patrol en Turquía desde o ano 2014, cun despregamento de 150 efectivos.

Comentarios