A Plataforma galega contra OTAN organizou unhas xornadas en Compostela

30 organizacións galegas demandan a disolución da OTAN

Os actos contra a cimeira da OTAN a celebrar a vindeira fin de semana en Madrid tiveron hoxe parada en Compostela. A Plataforma galega contra OAN organiza esta maña unha xornada de debate arredor da Alianza. As entidades integrantes do colectivo remataron o acto chamando a participar nunha grande mobilización o próximo 26 de xuño na capital do Estado.

761
photo_camera Os actos contra a cimeira da OTAN desenvolvidos en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A cimeira galega contra a OTAN arrancou ás 9:30 cun relatorio de Duarte Correa. Historiador, analista internacional e colaborador de Nós Diario, repasou ao longo da súa intervención a historia da Alianza Atlántica

A continuación interveu o analista internacional e colaborador deste xornal, Alberte Blanco. Blanco significou que “ a cimeira de Madrid estaba pensada para tratar o axuste da estrutura occidental de seguridade ás peculiaridades da rexión do Indo-Pacífico, co ascenso chinés, a través dunha fórmula de colaboración OTAN-AUKUS por ser de grande interese para Estados Unidos e o mundo anglo-norteamericano”.

Rusia

Blanco indicou que “o  conflito de Ucraína é, sen ningún xénero de dúbida, un enfrontamento entre Rusia e a OTAN a través do que se coñece como unha guerra subsidiaria, onde Ucraína é un chibo expiatorio pero non inocente”.

A intervención de Blanco foi seguida dun relatorio presentado por Ramón Grosfoguel. Grosfoguel, profesor da Universidade de Berkeley en California, una das referencias teóricas da corrente da decolonial a nivel mundial e, tamén, colaborador, de Nós Diario centrouse nas consecuencias dunha escalada militar a nivel mundial.

O acto central desta xornada decorreu ás 12 da maña coa lectura do manifesto “Galiza contra a OTAN”. O texto, lido pola secretaria de organización da CIG, Susana Méndez, e o voceiro de Mar de Lumes, Oscar Valadares, denuncia o carácter imperialista e agresivo da Alianza, o entusiasmo da Unión Europea na sinatura de pactos militares expansionistas e os tratados de libre comercio metidos pola forza entre os acordos militares”.

O manifesto

O manifesto lembra que “após 73 anos do nacemento da OTAN e coa URSS e o bloque soviético desaparecidos” a Alianza “aquela pretendida forza de autodefesa, responsábel por 70% do gasto militar global e cun orzamento de máis de 2% do PIB mundial, continúa a protagonizar unha das maiores xeiras de violencia da historia da humanidade”.

O texto, acordado pola totalidade das entidades da plataforma, denuncia a falacia da autodefensa e o rol estritamente imperialista e agresivo da OTAN” e defende a “súa disolución e a non participación do estado español en calquera plataforma destas características”.

A Plataforma  galega contra OTAN, formada por máis de 30 organización políticas sociais e sindicais, entre as que se atopan BNG, FPG, PCRG, CIG, ADEGA, Fruga ou a Marcha Mundial das Mulleres, fixo un chamado “a tomar parte na columna galega que o vindeiro domingo 26 de xuño, participará na mobilización convocada en Madrid en rexeitamento á OTAN” e lembrou que se fretarán autobuses desde Galiza para acudir a protesta.

Comentarios