23 anos dos bombardeos da OTAN sobre Serbia: "Hoxe vemos o terríbel e ilegal daquel ataque"

O presidente da República de Serbia, Aleksandar Vučić, condena a ofensiva da Alianza Atlántica en 1999 que levou por diante a vida de centos de civís, unha acción motivada pola "limpeza étnica" que a ONU constatou en Kosovo.
Bombardeos da OTAN en Novi Sad, ao norte de Belgrado, en 1999 (Foto: Reuters).
photo_camera Bombardeos da OTAN en Novi Sad, ao norte de Belgrado, en 1999 (Foto: Reuters).

Esta quinta feira fanse 23 anos dos bombardeos que executou a OTAN sobre a República Federal de Iugoslavia durante case tres meses e que acabaron coa vida de entre 500 e 5.000 civís, segundo as diferentes fontes —a ONG HRW cifra as vítimas en 500, mentres a OTAN fala de 1.500 e o Goberno iugoslavo de até 5.000—. Foi a primeira vez que a Alianza utilizou a forza militar sen a aprobación do Consello de Seguridade da ONU.

A OTAN, liderada daquela polo ex ministro socialista español Javier Solana, xustificara a acción militar aludindo á "limpeza étnica" que a ONU e diversas organizacións internacionais constataron no territorio de Kosovo por parte das forzas serbias.

A dura resposta dos 'aliados', porén, suscitou numerosas críticas e mesmo a ex fiscal do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia Carla del Ponte cuestionou a legalidade dese ataque.

O presidente da República de Serbia, Aleksandar Vučić, condenou esta cuarta feira o suceso na véspera dun novo aniversario, comparando, aliás, aquela situación á de Rusia na actualidade.

"Que ridículo e estúpido soa hoxe cando din que atacaron Serbia polo desastre humanitario e porque así evitaron un 'novo Auschwitz', como dixo no seu momento o ex ministro de Exteriores alemán, Joschka Fischer, aos danos colaterais e as mentiras sen sentido que produciron a diario. E que estúpido resulta hoxe cando acusan Rusia de agresión contra Ucraína e alguén lles lembra que eles fixeron o mesmo ou peor", dixo.

Ao mesmo tempo, Vučić lamentou aquel "erro" da Alianza: "Non se poden recuperar vidas humanas. Hoxe, logo de 23 anos, vese mellor o terríbel, equivocado e ilegal das accións de 19 países da OTAN".

Con todo, se ben discrepou a respecto de que o daquela presidente serbio Slobodan Milošević fose culpábel dos acontecementos, si o culpou de non ter actuado antes: "Após uns días, eu teríao deixado, coa miña dimisión ou como fose. Foi demasiado tempo, 78 días", apuntou Vučić.

Comentarios