Croacia critica a OTAN polo impacto dun dron militar que se estrelou na súa capital

As autoridades croatas censuran o organismo internacional polo que denominan "unha reacción lenta" a un dron militar que voou dese a zona de conflito, en Ucraína, a través do espazo aéreo de tres Estados membros da alianza antes caer en Zagreb.
Impacto dun dron militar de fabricación soviética en Zagreb. (Foto: Igor Soban / Xinhua News).
photo_camera Impacto dun dron militar de fabricación soviética en Zagreb. (Foto: Igor Soban / Xinhua News).

O dron, de fabricación soviética, e modernizado posteriormente polos especialistas ucraínos, segundo informa Sputnik, cruzou o espazo aéreo de Romanía e Hungría antes de entrar en Croacia e estrelarse na noite do 10 de marzo nun campo preto dunha residencia estudantil. 

Uns 40 vehículos estacionados foron danados, pero ninguén resultou ferido na explosión.

A OTAN asegurou que o seu sistema de defensa integrada antiaérea e antimísiles seguira a traxectoria de voo da aeronave. Mais o primeiro ministro croata asegurou que non se informou ás autoridades do país e que a OTAN reaccionou só tras unha pregunta dos xornalistas.

"Non podemos tolerar esta situación, nin debeu suceder'', afirmou o primeiro ministro Andrej  Plenkovic durante o seu percorrido polo sitio do impacto. "Esta foi unha evidente ameaza e tanto a OTAN como a Unión Europea deberon reaccionar''.

Sen tempo a reaccionar

Plenkovic dixo que o dron de recoñecemento Tu-141 da era soviética voou durante 40 minutos sobre Hungría e de seis a sete minutos sobre Croacia antes de estrelarse. Previamente, as autoridades militares romanesas indicaron que o dron permaneceu no seu espazo aéreo só tres minutos despois de cruzar a fronteira, o que dificultou a súa intervención.

O primeiro ministro croata chamou ás autoridades húngaras a investigar por que as súas defensas, ao parecer, non detectaron a aeronave non tripulada, pois Croacia e Romanía tiveron pouco tempo para reaccionar.

"Afortunadamente, non sucedeu algo moito peor", dixo Plenkovic, quen engadiu que o primeiro ministro húngaro Victor Orban "decatouse disto despois ca el''.

"Puido caer nunha planta nuclear en Hungría. Obviamente non houbo unha boa reacción e outros países non reaccionaron ben. Agora temos unha proba da que debemos aprender e reaccionar moito mellor'', sostivo.

Investigación sobre a súa procedencia

O primeiro ministro croata asegurou que unha investigación poderá determinar se o dron foi lanzado por militares rusos ou ucraínos. Se ben, informa Sputnik, desde hai moitos anos estes drons non están no servizo das Forzas Armadas de Rusia, mentres que Ucraína é o único operador destas máquinas. De feito, estes drons xa se atoparon estrelados na rexión de  Donbás, informa Sputnik.

Con todo, Ucraína negou lanzar o dron.

Comentarios