O Goberno de Libia e os poderes do leste anuncian un cesamento do fogo

Libia vive no caos desde a caída de Gadafi en outubro de 2011, e a situación agravouse en abril de 2019 coa ofensiva de Haftar.
libia_exercito
photo_camera Forzas leais ao Goberno de unidade de Libia, con sede na capital, Trípoli (Amru Salahuddien / dpa)

O primeiro ministro libio, Fayez Serraj, anunciou onte un cesamento do fogo inmediato e de todas as hostilidades coas autoridades que controlan o leste do país, cuxas forzas comanda o xeneral Jalifa Haftar. Estas responderon anunciando unha medida recíproca pouco despois.

Nun comunicado, Serraj, á fronte do Goberno recoñecido pola ONU, sinalou que o "obxectivo final" é "a restauración da soberanía plena sobre o territorio libio e a expulsión das forzas e dos mercenarios estranxeiros", informou o medio Libya Observer.

Ademais, anunciou a organización de eleccións parlamentarias e presidenciais o próximo marzo e propuxo que a cidade de Sirte e o distrito de Al Jufra, baixo control das tropas de Haftar, pasen a ser zonas desmilitarizadas mentres ambas as partes chegan a acordos en materia de seguridade.

Por outra banda, Serraj apostou por reanudar a produción e exportación de petróleo a través da empresa estatal National Oil Corporation (NOC), con sede en Trípoli, e que os ingresos vaian a unha conta especial no banco central para posteriormente seren distribuídos de forma adecuada así haxa un acordo político.

Pouco despois, o presidente da Cámara de Representantes ─o Parlamento que ten a súa sede no leste e que apoia a Haftar─, Aguilá Salé, anunciou igualmente un cesamento do fogo e das hostilidades, segundo o citado medio. Por agora non houbo ningunha reacción de Haftar.

"Obstinación dos actores"

Quen si celebrou o anuncio foi o representante en funcións do secretario xeral da ONU, Stephanie Williams, que viu nel a demostración "da valentía que Libia necesita urxentemente durante estes momentos difíciles".

Así, pediu o "rápido" cumprimento do cesamento do fogo e a reanudación da produción e exportación de cru, xa que "privar os libios da súa riqueza petroleira é un signo dunha inaceptábel obstinación por parte dos actores locais e internacionais implicados".

Libia vive no caos desde a caída de Gadafi en outubro de 2011, e a situación agravouse en abril de 2019 coa ofensiva de Haftar.

Comentarios