Cal é o gasto do Estado español en Defensa e canto destina á OTAN?

Segundo datos ofrecidos pola Alianza Atlántica, o gasto por habitante para sufragar os programas da organización sería de 3,16 euros no Estado español, fronte aos 1,24 euros dos EUA. Aliás, as contas de Defensa medraron 28% desde 2014.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no desfile militar do pasado 12 de outubro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, no desfile militar do pasado 12 de outubro (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A pasada semana, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, comprometeuse a incrementar até 2% do PIB o orzamento de Defensa "nos próximos anos", tal e como pedía a OTAN aos seus estados membro.

De feito, en 2021, segundo datos ofrecidos pola organización militar, só dez dos 30 países que a conforman superaron este limiar: Croacia (2,79%), Estonia (2,28%), Francia (2,01%), Grecia (3,82%), Letonia (2,27%), Lituania (2,03%), Polonia (2,1%), Romanía (2,02%), Reino Unido (2,29%) e Estados Unidos (3,52%).

A OTAN non ofrece a cifra exacta que aporta cada estado ao seu orzamento, mais si indica que porcentaxe corresponde a cada un deles.

O Estado español fai a sétima maior achega (5,99%), só superado polos EUA (16,34%), Alemaña (16,344%), Reino Unido (11,28%), Francia (10,49%), Italia (8,78%) e Canadá (6,87%), polo que, tendo en conta que o orzamento anual da Alianza rolda os 2.500 millóns de euros, a contribución española ficaría perto dos 149,75 millóns de euros.

Os EUA, pola súa parte, achegarían perto de 408,5 millóns de euros. Deste modo, o gasto por habitante no país norteamericano é de 1,24 euros; no Estado español, case o triplo: 3,16 euros por habitante.

O orzamento do Estado español en Defensa para o exercicio 2022 rolda os 11.700 millóns de euros, unha contía 2.700 millóns superior á do ano anterior, se ben a OTAN afirma que o orzamento militar de España en 2021 superou os 12 millóns de euros —incluíndo outros programas de Exteriores—; isto é, pouco máis de 1%.

O gasto en Defensa supón tres veces máis que o destinado ao financiamento do ingreso mínimo vital (IMV) e outros subsidios (4.436 millóns). Tamén son dez mil millóns de euros máis que a partida destinada a bolsas de estudos e de investigación.

Aliás, son 4.000 millóns máis que os orzamentos de Sanidade e Educación xuntos, se ben cómpre lembrar a este respecto que se trata de dúas competencias transferidas ás comunidades autónomas.

Os orzamentos do Ministerio de Defensa medraron 28% desde 2014, cando se destinaran 9.508 millóns de euros.

Mais, á marxe destas cifras, organizacións antimilitaristas como Delás cifran en 21.707 millóns o gasto real, contabilizando as partidas doutros ministerios destinadas a cuestións de Defensa.

Comentarios