Entrevista

Xosé Díaz, economista: "Galiza ten que reivindicar un sistema de financiamento que corresponda á súa condición de nación"

O economista Xosé Díaz (Ferrol, 1944) vén de dar ao prelo o seu novo traballo sobre o impacto na Galiza do actual sistema de financiamento. O volume, publicado por Edicións Laiovento baixo o título de Autogoberno e sistema de financiamento. O papel da nación galega, recolle as análises dun dos máximos expertos na materia en relación coa succión do excedente xerado na Galiza, onde o sistema de financiamento xoga un papel chave.

Pepe Díaz
photo_camera O economista e especialista en financiamento Xosé Díaz, na cuarta feira en Ferrol.(Foto: Miguel Anjo González García).

—Sostén a tese de que a Galiza é unha das comunidades que máis perde co actual modelo de financiamento, en que se basea para chegar a esa posición?
O deseño do sistema de financiamento chamado de réxime común que afecta todas as comunidades autónomas, agás Euskadi e Nafarroa, faise seguindo certos principios da Constitución e por iso contén unha serie de falacias, que afectan de maneira notoria  á Galiza. A primeira delas é que o custo das competencias non se calcula atendendo o custo real, senón que tal custo se substitúe por un conxunto de variábeis demográficas e non demográficas, a chamada poboación axustada, ás que se aplican, a priori, uns coeficientes de ponderación, nunca explicados, para deste modo determinar realmente quen son as comunidades gañadoras e cales as perdedoras, en función de simples criterios políticos, que non técnicos e menos científicos.

No caso galego resulta de tal deseño que a súa participación nesa poboación axustada, que pretende representar os custos reais, é temporalmente decrecente. Así, por exemplo, no ano 1999 a participación galega era de 7,6%, mentres que no ano 2020 xa se situaba no 6,6%, o que significa en termos monetarios moito diñeiro.Isto deriva da baixa ponderación asignada arbitrariamente a variábeis que afectan moito na Galiza, como a dispersión ou a poboación envellecida, que teñen un grande efecto no custo das súas competencias.De manter Galiza a participación do 7,6% do ano 1999, ou do 7,2% do ano 2008, adoptada por unanimidade no Parlamento, no vixente sistema de financiamento as perdas que experimentaría no período 2009-2020 situaríanse entre 9.300 e 4.200 millóns, unhas cantidades moi importantes.

—Unha das grandes cuestións en discusión neste debate é a capacidade fiscal galega, que o Estado situou en 5.576 millóns de euros para 2020, mentres que a cifra achegada por vostede elévase a 11.966 millóns. De onde xorde esa diferenza nas contías?
Isto constitúe outra das trapalladas do sistema de financiamento. A cuestión é que tanto no Acordo como na propia Lei do sistema de financiamento defínese a capacidade fiscal como os tributos cedidos polo Estado, entre os que se atopan unha porcentaxe do IRPF, IVE e dos Impostos Especiais, con escasas ou nulas competencias normativas sobre eles. É obvio que a tal definición da capacidade fiscal é unha auténtica falsidade, que ten unha clara intención ideolóxica.A capacidade fiscal da Galiza constitúea a totalidade dos tributos do sistema fiscal español soportados polas persoas físicas e xurídicas, sexan galegas ou non, mais que teñen actividade no noso país, que pagamos por suposto todos eles ao 100%.

É dicir, non só polo 100% dos tributos cedidos, senón tamén dos non cedidos, como o Imposto de sociedades, primas de seguros, de non residentes, tráfico exterior, medio ambientais ou outros. Como sabemos ben, os galegos non pagaremos axiña o 50% do IRPF que nos corresponde, senón o 100%, como sempre. De aquí proceden as diferenzas, deste enfrontamento entre a ilusión falseada da soberanía única e a verdadeira realidade. Se facemos a diferenza existente no período 2009-2020 do sistema de financiamento en vigor, entre todo o que achega o sistema de financiamento e os tributos soportados polas persoas físicas e xurídicas con actividade na Galiza, existe unha diferenza a prol destes últimos de, como mínimo, 51.728 millóns, que enfrontados co PIB a prezos de mercado do ano 2020 de 58.663 millóns, dános unha idea das moitas cousas que se poderían arranxar para mellorar o benestar galego con outro sistema de financiamento.

—As contías achegadas polo actual sistema de financiamento son suficientes para  garantir a prestación dos servizos públicos, particularmente da sanidade, da educación e a protección social?
Estes tres servizos públicos son aos que se refire o artigo 158.1 da Constitución, cualificándoos como servizos públicos fundamentais e precisamente o sistema de financiamento en vigor distíngueos do resto das competencias asumidas pola Xunta. Así que nisto a cuestión é doada de clarexar, trátase de comparar o que o sistema de financiamento achega para o financiamento deses servizos fundamentais e o que nos orzamentos liquidados galegos se contén como gasto dos mesmos. Pois ben, no período de 2009 a 2020, o que achegou o sistema de financiamento para o financiamento destes servizos fundamentais e o realmente gastado nos orzamentos liquidados xera un déficit de nada menos que 18.198 millóns, que fai realmente difícil considerar o sistema como positivo para Galiza, como mínimo.

—A elaboración dun novo sistema de financiamento está no centro da axenda política, que alternativa considera máis axeitada para os intereses da Galiza?
Estar estará, mais hai que se lembrar de que, de acordo coa Lei do sistema de financiamento, xa debería estar elaborado no ano 2014, así que iso de que as leis existen para cumprirse deixa moito que desexar no Estado español. Ademais, no ano 2017 o Consello de Ministros acordou constituír una Comisión de Expertos para a revisión do modelo de financiamento autonómico de réxime común, que se caracteriza por unha  continuación do sistema vixente, isto é sen mudanza cualitativa ningunha e que o empeora de maneira moi significativa en moitos sentidos.

Alén disto, tal e como defendo no traballo que vén de publicar Laiovento, Galiza debe aspirar e alcanzar, como mínimo, e dentro do contexto político actual, un sistema fundamentado na plena responsabilidade fiscal, que levaría o país a dispor dunha Axencia Tributaria propia, que recade todos os tributos que implica o sistema fiscal español, con plena capacidade de lexislación e xestión dos mesmos, de maneira que todas as fontes de riqueza e patrimonio que se produzan na Galiza por persoas físicas ou xurídicas, sexan galegas ou non, tributen relixiosamente neste país, onde os obteñen. No texto complétanse outros aspectos do pacto fiscal, así como da necesidade de completar as competencias para facer operativa a Galiza nación.

—Revela na súa investigación que Madrid recada 49% de todos os impostos do Estado malia só representar 19,3% do PIB, a que responde isto?
Isto ten a ver coa presentación que se fai dos Informes Anuais de Recadación elaborados pola Axencia Tributaria española que presentan unha Galiza cuxa recadación significa arredor de 3,5-3,7% do conxunto da recadación estatal, xa que este informe non ten como finalidade o achegamento do reparto territorial dos tributos, considerando como recadación galega, por exemplo, unicamente a dos tributos recadados nas delegacións galegas da Axencia Tributaria, ignorando os tributos xerados por actividades na Galiza por persoas físicas ou xurídicas co domicilio ou sede fóra da Galiza, onde tributan.

Por exemplo, en 2020 só as empresas coa sede fóra de Galiza alcanzaban o número de 3.624.É por isto polo que acontece a barbaridade que representa este Informe no caso da Comunidade de Madrid, co ladino obxectivo de presentala como a máis solidaria do Estado español. O que nos pon de relevo que no caso de estar a capital do Estado na Galiza veríamos medrar o PIB galego e o resto das variábeis económicas e sociais a unha velocidade de vertixe.

—Referíase agora ás consecuencias do efecto sede na economía galega. A maiores deste ou do  financiamento, cales son as outras vías para a succión de excedente xerado no país?
Son moi variadas e supoñen a perda para Galiza de moitos milleiros de millóns de euros. Unha delas é a emigración forzada pola falta de competencias que nos permitan dispor dun tecido empresarial que permita vivir e traballar na propia terra. Outra é a descapitalización do país pola actuación do sistema financeiro operante na Galiza, que conduce a que os nosos depósitos non sexan realmente nosos, utilizándoos para promover o desenvolvemento e benestar dos outros, sobre todo, Madrid, ascendendo esa contía a finais de 2020 a 27.553 millóns.

A succión do excedente dáse tamén pola exportación da enerxía eléctrica a través dunha rede unitaria sen compensación ningunha a través da imposición da tarifa única estatal ou polo papel obrigado de subministradores de materias primas, impedindo o feche dos ciclos produtivos na Galiza. Outra vía é a succión por parte do Estado español dos fondos comunitarios que corresponderían á Galiza a través do procedemento de xestionar de forma centralizada os fondos de recuperación ou a maior parte dos fondos estruturais e non estruturais que manca seriamente o desenvolvemento galego. Todo isto e máis mantennos nunha forzada situación de atraso relativo permanente e progresivo, polo que superarmos esta situación é o reto principal que temos que enfrontar todos os galegos.

Os debates de fondo sobre o modelo de financiamento no Estado español

Xosé Díaz sinala que “no Estado conviven hoxe dous sistemas de financiamento moi diferentes tanto no cualitativo como no cuantitativo: o sistema do réxime común que afecta 15 das comunidades autónomas e o sistema de concerto en Euskadi e o de convenio en Nafarroa. Mentres o primeiro se limita a unha descentralización basicamente administrativa, o segundo baséase na bilateralidade e nunha relación en pé de igualdade entre as partes”.

Neste sentido, asegura que “os sistemas de concerto ou convenio corresponderían coa idea da Galiza como nación, mentres os sistemas de réxime común corresponderían coa idea da Galiza como rexión". Díaz apunta que “debemos ter en conta a relación esencial entre o sistema de financiamento e autogoberno.

A elección que se fai dun sistema de financiamento determina directamente  o nivel de autogoberno ao  que se aspira. Emporiso  Galiza ten de reivindicar e traballar para lograr un sistema de financiamento que corresponda á súa condición de nación”.

Comentarios