A Galiza perdeu 3.994 millóns en 2020 co actual sistema de financiamento

A Galiza segue perdendo co actual modelo de financiamento. Segundo as contas do economista Xosé Díaz, a partir da liquidación do orzamento de 2020, o Estado recadou na Galiza 11.938 millóns de euros, porén só reintegrou 7.944 millóns de euros. Así as cousas, o saldo negativo para o país é de 3.994 millóns.

Reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira decorrida no pasado mes de xullo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira decorrida no pasado mes de xullo. (Foto: Europa Press)

A liquidación do orzamento do Estado de 2020 volve pór negro sobre branco os problemas do actual modelo de financiamento. A maiores da insuficiencia das contías achegadas, que fan perigar as prestacións de determinados servizos básicos, o sistema vixente retrae para outras áreas do Estado unha parte importante dos impostos recados na Galiza.

O economista Xosé Díaz, autor do ensaio As contas que nos contan, libro publicado por Sermos Galiza S.A. e un dos grandes expertos en financiamento público, advirte a Nós Diario dos “riscos do actual sistema” e critica “a falacia de que a capacidade fiscal galega consiste nos tributos cedidos e non na tributación total que soportan os galegos e as empresas que teñen unha actividade empresarial na Galiza”.

As contas de 2020 certifican un saldo neto negativo para a Galiza nas súas relacións co Estado. Así, Díaz, nun traballo rematado neste mes de agosto e titulado Os resultados da liquidación do sistema de financiamento de réxime común ou das “rexións” en 2020 e algunhas cuestións sobre un posíbel novo financiamento, onde estuda a liquidación do orzamentos do Estado de 2020, última anualidade con datos, sinala que nese exercicio a Galiza perde 3.994 millóns.

Os datos achegados por Díaz, aos que tivo acceso en exclusiva Nós Diario, indican que o Estado recadou en impostos en 2020 na Galiza un mínimo de 11.938 millóns mais só reintegrou 7.944 millóns. A este respecto, Díaz destaca que “deses 7.944 millóns de euros, 5.828 millóns de euros proceden de ingresos tributarios e 2.115 millóns de euros de transferencias do Estado”.

As cifras fornecidas pola liquidación orzamentaria de 2020 sitúanse na dirección doutras anualidades. Malia a caída da recadación, como consecuencia da pandemia que paralizou a actividade económica, as porcentaxes presentan moitas similitudes coas de exercicios pasados. Neste sentido, Díaz lembra que “en 2019, a Galiza perdeu 4.562 millóns de euros, após contribuír cun total de 13.222 millóns de euros e só recibir 8.650 millóns de euros”.

Os números atópanse nunha liña semellante aos presentadas por Díaz para 2018 e 2017. Así, Díaz indica que “en 2018 a cantidade achegada por Galiza ao Estado situouse nun mínimo de 13.132 millóns” porén a contía devolta ficou en 8.268 millóns de euros, provocando un saldo negativo de 4.863 millóns. Ao tempo, en 2017, os galegos contribuíron ao Estado cuns tributos mínimos de 12.214 millóns, reintegrando a administración estatal 7.643 millóns e xerando un balance negativo de 4.570 millóns.

Díaz maniféstase moi crítico co actual modelo de financiamento. Nesta liña, aposta por avanzar cara a un diferente, no camiño de Euskadi e Nafarroa, que permita ao poder galego recadar todos os tributos, fixar unha política fiscal propia e dotarse dun sistema de concento que lle posibilite contar ao país coa suficiencia financeira necesaria para a prestación dos diversos servizos públicos.

As críticas ao sistema de financiamento vixente chegan desde posicións moi diferentes. O Consello de Contas da Galiza, na fiscalización da Conta Xeral galega de 2020, advirte da “insuficiencia do actual modelo para proporcionar os recursos financeiros necesarios para a cobertura das necesidades de gasto que leva a prestación dos servizos da súa competencia”.

O órgano fiscalizador considera "de urxencia" a aprobación dun novo modelo que solucione estas insuficiencias, "en consonancia cos elementos diferenciais que concorren na prestación dos servizos que realiza a nosa Comunidade Autónoma".

Fedea

O director de Fedea e economista neoliberal, Ángel de la Fuente, destaca que Galiza é un dos territorios do Estado que saen “peor parados co sistema actual de financiamento”, recibindo 475 euros menos por habitante que Cantabria, 364 euros menos por habitante que A Rioxa, 280 euros menos por habitante que Illes Balears, 240 euros menos por habitante que Estremadura, 234 euros menos por habitante que Canarias, 29 euros menos por habitante que Madrid e 22 euros menos por habitante que Catalunya.

A razón do modelo de réxime común

O economista Xosé Díaz considera que a defensa do réxime común de financiamento responde a "facer aparecer a Galiza, por exemplo, como incapaz de se valer por si propia, de non ser capaz de vivir do seu propio traballo, agachando que é o Estado quen debe a súa existencia aos nosos recursos".

Comentarios