O Estado achega a Galiza 4.562 millóns menos dos recadados por impostos

A liquidación do orzamento de 2019 retrata o sistema de financiamento.
Alberto Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha xuntanza decorrida en 2020 (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Núñez Feixoo e Pedro Sánchez, nunha imaxe de arquivo (Foto: Moncloa)

A liquidación do orzamentos do Estado de 2019 volve a pór negro sobre branco os problemas do actual modelo de financiamento. A maiores da insuficiencia das contías achegadas, que fan perigar as prestacións de determinados servizos básicos, o sistema vixente retrae para outras áreas do Estado unha parte dos impostos recados na Galiza. O economista Xosé Díaz, autor do ensaio As contas que nos contan, publicado por Sermos Galiza e un experto en financiamento público, advirte en Nós Diario dos “riscos do actual sistema” e crítica “a falacia de que a capacidade fiscal galega consiste nos tributos cedidos e non na tributación total que soportan os galegos e as empresas que teñen unha actividade empresarial na Galiza”.

As contas de 2019 certifican un saldo neto negativo para Galiza nas súas relacións co Estado. Así, Díaz, nun traballo rematado neste mes de agosto - Os resultados da liquidación do sistema de financiamento de réxime común ou das “rexións” -, onde estuda a liquidación do orzamentos do Estado de 2019, última anualidade con dados, sinala que nese exercicio Galiza perde 4.562 millóns de euros. Segundo os dados achegados por Díaz, aos que tivo acceso Nós Diario, o Estado recada en impostos en 2019 na Galiza un mínimo de 13.212 millóns de euros mais só reintegra 8.650 millóns. A este respecto, Díaz destaca que “deses 8.650 millóns, 6.256 proceden de ingresos tributarios e 2.393 millóns de transferencias do Estado”.

Os dados ofrecidos polo documento de liquidación orzamentaria de 2019 continúan na liña doutras anualidades. Neste sentido, Díaz indica que “en 2018 a cantidade achegada por Galiza ao Estado sitúase nun mínimo de 13.132 millóns de euros” porén a contía devolta fica en 8.268 millóns de euros, provocando un saldo negativo de 4.863 millóns As cifras atópanse nunha dirección semellante ás presentadas por Díaz para 2017, cando os galegos contribúen ao Estado cuns tributos mínimos de 12.214 millóns de euros, reintegrando a administración estatal 7.643 millóns e xerando un balance negativo de 4.570 millóns.

Uns criterios desfavorábeis para Galiza

Díaz considera moi desfavorábeis para Galiza os criterios seguidos polo actual sistema de financiamento. 

Neste sentido, advirte que a dispersión xeográfica só represContidos enta o 0,6%, un criterio “moi pouco ponderado para o custo real de achegar ao conxunto da poboación os servizos públicos ou as infraestruturas produtivas e sociais precisas”. 

Esta variábel resulta especialmente gravosa para unha realidade como a galega, que suma máis da metade dos núcleos de poboación do conxunto estatal, tal e como teñen denunciado de xeito reiterado as diversas forzas políticas da Cámara. 

O escaso peso do envellecemento é outra pexa do sistema de financiamento denunciada por Díaz. A este respecto, lembra como a poboación maior de 65 só significa o 8,5% nos criterios de cálculo estatal para determinar as contribucións ás autonomías, fronte a 20,5% fixado para a poboación menor de 16 anos. 

Nesa dirección, destaca que “o custe dos servizos sanitarios ás persoas maiores é moito maior que ao primeiro grupo de idade, unha vez excluídas as idades máis temperás”.

Un debate de natureza política

A lexislación española estabelece dous modelos de financiamento diferenciados para as comunidades. A maioría, entre elas Galiza, acóllense ao denominado réxime común, mentres Euskadi e Nafarroa fan parte do sistema do concerto, o que lles permite recadar os seus propios tributos e contar con instrumentos reais de política económica, o que segundo algúns economistas, explica en boa medida o seu maior nivel de prosperidade. O debate sobre o financiamento é de natureza política non de técnica contábel. Malia a isto, a aposta polo sistema do concerto gaña forza en sectores económicos e políticos doutras partes do Estado. Así , algúns dirixentes territoriais do PSOE, como a balear Francina Armengol, defenden estender o modelo do concerto, como elemento chave para dotar ás comunidades de ferramentas en materia económica.

Comentarios