O Estado executou no primeiro semestre do pasado ano 302 dos 1.020 millóns de euros orzados para Galiza

A Intervención Xeral da Administración do Estado, dependente do Ministerio de Facenda, sinalou a pasada semana nunha resposta parlamentaria que na Galiza só se executaron no primeiro semestre de 2023 un total de 302 millóns dos 1.020 previstos nas contas públicas para esa anualidade.

16-02-2023 RENFE PADRON MEDIA DISTANCIA-3
photo_camera Estación de ferrocarril de Padrón, dependente de Renfe, unha das empresas estatais que menos investimento executa na Galiza. (Foto: Arxina).

A Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE) acumula atrasos na súa función fiscalizadora. Tanto é así que ten pendente de publicar os datos correspondentes á execución orzamentaria definitiva de 2022, após dar a coñecer as cifras do primeiro semestre dese exercicio en novembro dese ano. Naquela altura, sinalaba que as contas públicas do Estado prevían un investimento na Galiza de 1.031 millóns de euros, mais só chegaron a executarse 292 millóns de euros, isto é 28,3% do proxectado.

Os datos da execución orzamentaria do primeiro semestre de 2023 situáronse na mesma dirección. Neste caso, os presupostos estatais recollían actuacións na Galiza por unha contía de 1.020 millóns de euros, porén, entre xaneiro e xuño só se executaron 302 millóns de euros, o que representa 29,6% do orzado. A este respecto, Galiza colocouse por riba da media do Estado, fixada en 21,2%, mais lonxe de Madrid, que co 52,% de execución volve ser un ano máis o territorio máis favorecido polo investimento estatal.

O nivel de execución orzamentaria varía na Galiza en función dos organismos estatais. Neste sentido, a porcentaxe de gasto foi maior naqueles investimentos que dependen directamente dos ministerios e do denominado sector público administrativo, chegando no primeiro caso ao 63% do previsto e no segundo ao 66%. Así as cousas, os ministerios executaron no primeiro semestre do ano 158 millóns de euros e os departamentos do sector público estatal 203 millóns de euros, significándose entre estes as diversas confederacións hidrográficas.

Sector público empresarial

As cifras de execución do coñecido como Sector Público Empresarial foron notabelmente inferiores. Nesta liña, os organismos que fan parte do mesmo, como Adif, Renfe ou Aena, recollían nos seus orzamentos de 2023 investimentos para Galiza por unha contía de 768 millóns de euros, mais só gastaron 143 millóns, o que representa 19% do total. Aliás, o sector público empresarial concentraba o groso dos investimentos na Galiza, até sumar 75,2% do previsto nas contas públicas dese ano.

Ferrocarril

O estado de execución orzamentaria de 2023 evidencia a falta de compromiso investidor en materia ferroviaria. Precisamente, os presupostos dese ano destinaban 376 millóns para a modernización da rede de camiños de ferro e para impulsar o Corredor Atlántico de mercadorías, unha actuación na práctica paralizada. A este respecto, as propias autoridades recoñecen esta realidade, definíndoa como unha prioridade no acordo de investidura de Pedro Sánchez asinado co BNG o pasado mes de novembro.

O economista Xosé Díaz, quen ocupara a Presidencia da comisión de Economía do Parlamento galego na V Lexislatura e que elaborou o informe A execución dos investimentos do Estado na Galiza (2015-2021), ten sinalado que “o maior grao de investimento do Sector Público Empresarial (SPE) en comparación coa Administración Xeral do Estado (AXE) é unha anomalía das contas galegas en relación con outros territorios do Estado”. Precisamente, esta lóxica é unha constante dentro dos diversos orzamentos estatais na Galiza, mais que non serve para explicar a escasa execución orzamentaria.

As cifras de 2023 débense tomar con precaución ao referirse exclusivamente á metade do ano, ficando outro tanto tempo para fechar a totalidade do exercicio. Porén, atópanse na tendencia doutras anualidades, con Gobernos de diferente cor, onde o investimento executado é inferior ao previsto. Segundo as cifras achegadas por Xosé Díaz, procedentes das liquidacións definitivas da IGAE, o Goberno do Estado deixou sen executar na Galiza no período entre 2015 e 2021 investimentos por 2.823 millóns de euros.

Pedro Sánchez só aprobou tres orzamentos desde a súa chegada ao Goberno en xuño de 2018. A maiores das contas públicas de 2023 e 2022, sacou adiante as de 2021, cun investimento na Galiza de 792 millóns de euros, mais finalmente a contía executada foi de 532 millóns de euros, 259 millóns de euros menos dos previstos.

Raxoi non cumpre

Os catro últimos orzamentos de Mariano Raxoi deixaron un desfase entre o investido e o executado de 2.230 millóns de euros. Así, as contas públicas de 2018 prevían actuacións na Galiza por unha cantidade de 894 millóns de euros, mais o gasto final situouse en 523 millóns de euros, excluídos os préstamos destinados á construción de varias fragatas en Ferrol. Na mesma liña, a Lei de orzamentos de 2017 fixaba un investimento na Galiza de 892 millóns, 481 millóns dos cales procedían de Adif, porén, só foron executados 232 millóns de euros.

A liquidación das contas públicas de 2016 efectuadas polo IGAE concluíu que o Estado deixou sen executar na Galiza 777 millóns de euros recollidos nos orzamentos. Mentres os diversos capítulos destes prevían un investimento de 1.329 millóns de euros, o finalmente executado ficou en 552 millóns de euros. Por último, o orzamento de 2015 recollía un investimento no país de 1.355 millóns de euros, mais o Executivo estatal só gastou na Galiza 863 millóns, 492 millóns de euros menos do estipulado, co Adif, naquela altura dirixido por Ana Pastor, como organismo máis incumpridor.

Madrid é a comunidade máis favorecida polo investimento estatal

O baixo grao de execución orzamentaria no país contrasta coas cifras referidas a Madrid, onde o investimento final vén superando, tradicionalmente, o previsto inicialmente. Segundo as cifras achegadas pola Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE), as partidas dependentes da Administración Xeral do Estado fixaban un investimento para 2023 de 989 millóns de euros, pero só no primeiro semestre do ano sumaba 522 millóns, 52,8% do orzado.

As liquidacións das anualidades completas das contas públicas desde 2015 até 2021, último ano con cifras definitivas, non deixan dúbidas de que Madrid é a comunidade que máis fondos recibe do Estado, sendo a gañadora a nivel de execución orzamentaria. Así, en 2015 o Estado destinaba nos seus orzamentos para Madrid 854 millóns pero a cantidade finalmente investida ficou en 1.091 millóns. Por exemplo, en 2021 as contas públicas recollían 1.132 millóns de euros para a comunidade presidida por Isabel Díaz Ayuso, porén o investido chegou a 2.084 millóns de euros, o que implica un 84% máis do proxectado.

O investimento executado polo Estado en Madrid entre 2015 e 2021, anos onde se liquidou definitivamente, foi de 8.718 millóns de euros. Só no exercicio de 2019, o nivel de execución orzamentaria estivo por baixo das previsións das contas públicas, concretamente en cinco millóns de euros. Así as cousas, o realmente investido na capital do Estado nese período superou en 1.570 millóns de euros o recollido nos orzamentos.

Comentarios