O modelo de financiamento castiga Galiza

O actual sistema de financiamento atópase en tempo de desconto. Acordado polo Congreso dos Deputados á volta de 2009 por un período de vixencia de cinco anos e prorrogado desde 2014, a aprobación dun novo modelo semella próximo. Fedea adiántase ao debate cun documento de Ángel de la Fuente.
Xuntanza do Consello de Política Económica e Fiscal en Madrid, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rexión de Murcia) #financiamento #recadación #galiza
photo_camera Xuntanza do Consello de Política Económica e Fiscal en Madrid, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rexión de Murcia)

O debate e aprobación do novo sistema de financiamento está chamado a ser un tema chave no vindeiro período de sesións nas Cortes do Estado. Malia que a vontade das forzas que conforman o actual Executivo estatal de coalición, expresada na campaña das eleccións de 2019, era acometer a reforma do actual modelo na segunda metade de 2020, a conxuntura política obrigou a adiar esta decisión de maneira repetida. Porén, a ministra de Facenda, María Jesús Montero comprometeuse a finais de xullo a ter unha proposta definitiva para finais de ano, mantendo diversos contactos cos seus parceiros parlamentarios para conseguir os apoios necesarios para sacalo adiante.

O actual sistema de financiamento atópase prorrogado desde 2014. Aprobado con rango de lei á volta de 2009, cos votos favorábeis do PSOE e coa abstención do Partido Popular, fixa na súa disposición adicional sétima a obrigatoriedade de ser revisado en 2014, porén mantense prorrogado desde hai sete anos. Ao longo deste período, foron moitas as resistencias gobernamentais a acometer este traballo, malia os chamados a realizalo, significándose a resolución da Conferencia de Presidentes de xaneiro de 2017, onde se reclamou “o impulso á revisión do sistema de financiamento autonómico, en aras a culminar co acordo de aprobación dun novo sistema deseñado con criterios obxectivos”.

A Fundación de Estudios de Economía Aplicada (Fedea), o think tank de cabeceira das empresas do IBEX, vén de entrar na discusión cun informe de Ángel de la Fuente. De la Fuente, director executivo de Fedea, economista neoliberal de predicamento, autor do Sistema de Contas Públicas Territoriais (SCTP) publicadas entre 2011 e 2014 e persoa de referencia do PP en materia de financiamento, propón nun recente traballo titulado La financiación autonómica en 2020: una primera aproximación y una propuesta de cara a 2021 “estabelecer un fondo transitorio de nivelación para complementar o financiamento das comunidades peor financiadas” e proceder de inmediato á revisión do sistema actual baixo novos criterios.

O estudo de De la Fuente achega interesantes datos sobre as desigualdades xeradas polo modelo de financiamento e as consecuencias para a Galiza do mesmo. Segundo o informe, que toma como referencia a liquidación do orzamento do Estado de 2019, nesa anualidade, Cantabria é o territorio máis favorecido, tras recibir da caixa común 3.321 millóns de euros de financiamento efectivo por cada un dos seus habitantes, situándose á cola do Estado o País Valenciá, con 2.618 euros por habitante. Precisamente, o Goberno valenciano lidera as protestas contra o actual modelo e urxe a súa inmediata renovación sen agardar polo informe da comisión de expertos do Executivo estatal previsto para febreiro de 2022.

Galiza, mal parada

A Galiza é un dos territorios do Estado que peor parados saen co sistema de financiamento vixente. Así, De la Fuente sinala que a Galiza recibe 2.846 euros de financiamento efectivo por cada habitante, 475 euros menos por habitante que Cantabria, 364 euros menos por habitante que A Rioxa, 280 euros menos por habitante que Illes Balears, 240 euros menos por habitante que Estremadura, 234 euros menos por habitante que Canarias, 99 euros menos por habitante que Castela e León, 29 euros menos por habitante que Madrid ou 22 euros menos por habitante que Catalunya. Segundo significa De la Fuente no seu traballo, só rexistran un trato máis negativo que Galiza, País Valenciá, con 2.618 euros por habitante, Murcia, con 2.628 euros por habitante, Andalucía, con 2.717 euros por habitante e Castela A Mancha, con 2.833 euros por habitante.

A situación complícase aínda máis para a Galiza tendo en conta as variábeis que determinan o custo das prestacións básicas. A dispersión xeográfica encarece os servizos públicos, unha realidade especialmente gravosa para a Galiza, que suma máis da metade dos núcleos de poboación do conxunto estatal. Neste sentido, algúns economistas como Xosé Díaz destacan que “só representa 0,6%, un criterio moi pouco ponderado para o custo real de achegar ao conxunto da poboación os servizos públicos ou as infraestruturas produtivas sociais precisas”.

O avellentamento da poboación é outro factor que incide de maneira decisiva no custo das prestacións. Os criterios de reparto fixados no modelo de financiamento só outorgan á poboación maior de 65 anos o 8,5%, malia estar acreditado o seu impacto, particularmente, no gasto sanitario e social.

As contas de Ángel de la Fuente

La financiación autonómica en 2020: una primera aproximación y una propuesta de cara a 2021 non é só o traballo dun dos máximos especialistas en contabilidade territorial.

A súa contribución impugna o relato hexemónico do establishment político e académico galego sobre as bondades do actual sistema de financiamento para o país. En definitiva, un debate de natureza polítical, non de técnica contábel. 

Comentarios