Unións Agrarias reclama ante a Xustiza as compensacións polo cartel do leite

O sindicato compareceu esta quinta feira nunha vista ante a Audiencia Nacional.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García (Foto: UUAA).
photo_camera O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García (Foto: UUAA).

Unións Agrarias (UUAA) compareceu esta cuarta feira ante a Audiencia Nacional nunha vista polo caso do cartel do leite, que xulga as industrias por fixar prezos entre 2000 e 2013 en prexuízo de miles de profesionais gandeiros.

Á saída do tribunal, o secretario xeral de UUAA, Roberto García, asegurou que o que pretenden é que "quede acreditado xudicialmente o comportamento ilícito da industria láctea para iniciar a reclamación polo dano económico aos gandeiros".

A organización agraria estima que estas prácticas da industria poderían ter ocasionado un empobrecemento aos miles de gandeiros afectados pola fixación de prezos de máis de 2.600 millóns de euros. 

Segundo explicou UUAA na vista, as industrias pagaban aos gandeiros entre 10% e 15% menos do que lles correspondía. Por iso, o sindicato, xunto co bufete de avogados Eskariam, iniciou o proceso para que os gandeiros afectados reclamen as cantidades non pagadas, que poderían superar os 1.200 millóns de euros, estima UUAA.

García aproveitou a ocasión, ademais, para reclamar que as sancións se executen "de inmediato", pois asegura que mentres isto non ocorra, as industrias leiteiras "seguirán incorrendo nestas prácticas".

De feito, os gandeiros afectados pola fixación de prezos aseguraron que en maio constataron unha nova estratexia coordinada de baixada de prezos "sen que haxa razóns de mercado".

Condena da CNMC en 2015

En 2015 a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) multou as industrias lácteas con 88,2 millóns de euros por prácticas contra a competencia. Na altura, esta fora a cuarta multa de maior contía na historia da institución, que vela polo cumprimento das regras mercantís e da competencia.

Comentarios