UUAA denuncia o uso de leite portugués como galego

Detectou a irregularidade na planta que posúe Inleit en Curtis.
Camión portugués entrando nas instalacións de Inleit de Curtis. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Camión portugués entrando nas instalacións de Inleit de Curtis. (Foto: Nós Diario)

Unións Agrarias (UUAA) denunciou onte o uso de leite portugués na planta de Inleit en Teixeiro, no concello de Curtis (comarca das Mariñas).

"Cisternas cargadas de leite provinte do país veciño están a entrar practicamente a diario na planta que Inleit ten en Teixeiro", alertou onte a organización agraria nun comunicado, no que ademais cualificou de "inmorais" estas importacións "por parte dunha firma subvencionada pola Xunta da Galiza e que publicamente se xacta do seu compromiso co sector produtor galego". 

UUAA censura que estas instalacións se beneficiaran recentemente dunha subvención de 14 millóns de euros da Xunta, á vez que "o presidente galego gabou Inleit como referente na xeración de valor engadido, innovación e desenvolvemento vinculados á transformación láctea na comunidade". 

Unións Agrarias considera "completamente inaceptábel" a entrada de materia prima foránea nunha planta que sustenta o seu desenvolvemento "nunha enorme inxección económica proveniente da Administración galega", ao tempo que "publicamente fai bandeira do local" e do "seu compromiso co sector produtor galego". 

Prezos á baixa

Ademais, a organización agraria reproba que estas importacións se estean a producir ao mesmo tempo que, após unha baixada media de céntimos por litro en abril nos pagos aos gandeiros e ás gandeiras galegas, Inleit ofrece para as próximas renovacións de contratos –previstas para agosto– "tarifas até cinco céntimos inferiores que outras firmas". 

"Reducións impostas de maneira unilateral, eludindo a negociación e sen razóns de mercado que as xustifiquen", afirman desde UUAA. "Numerosos produtores deixaron de subministrar a Inleit en abril debido ás baixas tarifas que pretendía aplicar".

Comentarios