Unións Agrarias defende a Lei da Cadea Alimentaria no Supremo

A patronal leiteira pretende tombar a normativa da cadea alimentaria.
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García (Foto: UUAA).
photo_camera O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, esta cuarta feira (Foto: UUAA).

Unións Agrarias (UUAA) declarou esta cuarta feira no Tribunal Supremo no contexto do caso iniciado en novembro de 2022 pola patronal das industrias lácteas para tombar o artigo da Lei da Cadea Alimentaria relativo a que ningún gandeiro poida cobrar por baixo dos custos de produción.

A Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA), asociación estatal na que se integra UUUA, presentou en sede xudicial un informe "bastante extenso" que reflicte detalladamente a situación que se vive no sector e por que é necesario manter a prohibición da compra a perdas.

O secretario xeral de UUAA, Roberto García, reprobou a "actitude agresiva" da industria ao buscar "desmontar" a lei de cadea. O sindicalista recriminou, desde Madrid, que "o primeiro que chama a atención é que sexan precisamente só os empresarios lácteos, non de ningún outro sector, os que tratan de desmontar a lei que garanta cubrir custos de produción".

"Poñen en evidencia que o seu discurso de que son vítimas da imposición de prezos de distribución non é certo. Poñen de manifesto que prefiren que se impoñan prezos á distribución e que teñan mans libres para poder seguir facendo contratos de adhesión no sector gandeiro", afirmou.

"Poñen en manifesto que o seu talento empresarial e a súa innovación para gañar diñeiro queda reducido só a pagar menos polo leite e non en tratar de vender con maior valor engadido o seu produto", engadiu García.

De tal forma, o responsábel de UUAA quéixouse de que "están a cavar un pozo no que as primeiras en enterrar van ser aquelas explotacións que teñan que fechar". "Estou convencido que entre a Avogacía do Estado e os servizos xurídicos imos poder acreditar hoxe (por esta cuarta feira), aquí, no Supremo, que a lei que garante os custos de produción é boa para a economía", dixo.

Cártel do leite

Ademais, García reprobou que as industrias "non aprenderon das sancións impostas co cártel do leite", polo que "unha vez que se confirme na Audiencia Nacional" os máis de 5.000 gandeiros de UUAA presentaranse no xulgado mercantil.

Comentarios