A Xunta defende que as lácteas multadas cobren axudas públicas: "É moi sinxelo ter sanción por infracción grave"

O PSdeG acusa Medio Rural de favorecer Inleit, sancionada por "incumprir acordos que tiña con gandeiros" e que, segundo denunciou Unións Agrarias, estaría a mercar leite portugués "mentres maltrata" a industria galega.
O conselleiro de Medio Rural, José González, no Parlamento. (Foto: Conchi Paz)
photo_camera O conselleiro de Medio Rural, José González, no Parlamento. (Foto: Conchi Paz)

O deputado socialista Martín Seco acusou a Xunta de modificar as bases das axudas para transformación e comercialización —dotadas con 30 millóns de euros— para que poidan cobrar subvencións aquelas industrias lácteas con sancións graves ou moi graves e favorecer así empresas como Inleit. No pleno do Parlamento desta cuarta feira, o conselleiro de Medio Rural, José González, asegurou que "é moi sinxelo ter sanción por infracción grave", polo que se decidiu cambiar as bases desa orde.

Afirmou que en até 77% dos casos esas multas fican entre 1.800 e 3.000 euros, o que considera dunha transcendencia "banal", de forma que "non tiña sentido manter este requirimento". Así, o conselleiro preguntoulle ao deputado socialista "se lle parece lóxico retirar a un beneficiario unha axuda de 100.000 euros por ter asumida unha sanción de mil e pico euros, que son a maioría". "Eu diría que non é lóxico nin xusto, e esta é a explicación de por que se fixo esa modificación", apostilou.

Seco lembrou que a Xunta sacou esta liña en xaneiro, mais a finais de febreiro coñeceuse unha sanción a Inleit por 9.000 euros por "non cumprir acordos que tiña con gandeiros". En marzo, tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como o propio conselleiro de Medio Rural visitaron as instalacións de Inleit e xa en abril "sae milagrosamente" esa modificación da orde de axudas para que Inleit poida optar a elas.

Igualmente, o deputado do PSdeG lembra que Unións Agrarias acaba de denunciar a compra de leite portugués por parte de Inleit "mentres maltrata a gandeiros galegos aos que compra o leite". O deputado socialista salientou que esta compañía recibiu por parte da Xunta un total de 7 millóns de euros entre 2018 e 2022.

De tal forma, aposta a que tamén sairá beneficiaria da nova convocatoria. Así mesmo, asegurou que hai industrias lácteas que "se comportan como mafias organizadas", aínda que "non todas".

Pola súa parte, González asegurou que nestas ordes de axudas hai uns "criterios obxectivos de puntuación", polo que "se cumpren criterios", as empresas, "evidentemente, percibirán subvención". Sempre, reiterou, cumprindo coa "legalidade". Neste senso, preguntouse se o PSOE prefire "pegar un dedazo" para dar estas axudas "se algún día goberna".

Paralelamente, o conselleiro insistiu en demandar ao Goberno estatal o recoñecemento das ferramentas Contaláctea e Contacarne como medio para garantir un cumprimento efectivo da Lei de cadea alimentaria.

Comentarios