A industria láctea preme para mercar leite por baixo dos custos de produción

A dous meses de que se asinen os novos contratos no sector lácteo, a industria procura evitar as negociacións coas explotacións para poder mercar o leite sen contemplar os custos de produción nos prezos finais, segundo deu a coñecer onte Unións Agrarias.
Vacas de leite nunha explotación en Macedo, Friol (comarca de Lugo), o pasado mes de febreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas de leite nunha explotación en Macedo, Friol (comarca de Lugo), o pasado mes de febreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A renovación dos contratos de recollida do leite das explotacións galegas, previsto para o 1 de agosto, está a marcar os últimos movementos da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) e a resposta por parte das organizacións agrarias galegas. Se o pasado mes de maio Fenil presentaba un decálogo que se anunciaba  como unha ferramenta para “garantir a subministración de materia prima e o futuro do sector”, agora desde Unións Agrarias (UUAA) denuncian que esa mesma organización empresarial presentou un procedemento contencioso administrativo ante a Xustiza española para tratar de frear o apartado que, na Lei de Cadea Alimentaria, obriga a pagar, como mínimo, cubrindo os custos de produción. 

Segundo informou  esta cuarta feira en rolda de prensa o coordinador sectorial de UUAA, Félix Porto, a pasada cuarta feira a súa organización presentou unha pericial que se vai ratificar diante do Tribunal Supremo o 31 de maio e a Fenil presentou outra para tentar atacar a lexislación.

“É un momento transcendente para o sector lácteo galego", asegura, “a falta de dez días para que a industria presente a súa oferta por ter que renovarse o 1 de agosto a maior parte dos contratos entre produtores e industria neste país, debemos contar coas súas propostas antes do 1 de xuño”. 

Para o secretario xeral de UUAA, Roberto García, o momento “é delicado” e cando xa “era habitual perder unhas 800 explotacións lácteas cada ano, vaise acentuar esa cifra”. Asegurou, na mesma comparecencia, que a situación podería agravarse "se baixan aínda máis os prezos cando só as gandeiras e os gandeiros galegos coa baixada anterior cobramos cada mes 24,7 millóns de euros menos pola redución unilateral do prezo que se fixou o 1 de abril”.

O responsábel de UUAA considerou que as explotacións deberían ter máis forza á hora de poder negociar os prezos. “Sabemos que non o fixemos en 15 anos polo que será difícil facelo de aquí ao 1 de agosto”, sinala. Para defenderse propón que a Administración “poña en marcha o Observatorio Lácteo para poder ter índices obxectivos que obriguen a industria a cumprir esa lei e os custos non estean por debaixo dos da produción”.

Por ese motivo, criticou que a Fenil “trate de borrar nos tribunais a Lei de Cadea Alimentaria, mesmo sabendo que non defende a propia industria diante dos posíbeis abusos da distribución”. Para García, “a industria asume que a negociación coas granxas non é un problema”. 

A estratexia da Fenil

Desde o Sindicato Labrego Galego, o seu coordinador do sector leiteiro, Xulio Fernández, indica a Nós Diario que os anuncios da Fenil son “un mecanismo para xustificar as baixadas que se produciron en abril, mesmo adiantando o que farían no resto do Estado español despois”.

Agora a situación poderíase repetir "sempre dentro dunha estratexia". O panorama, para este sindicalista mostra que os custos de produción seguen altos “malia a baixada do gasoil e a electricidade”, e os prezos do leite no lineal “non baixan”. Ademais, afirma que “malia que hai ao redor de 300 granxas dentro do que é a Conta láctea, a Consellaría de Medio Rural non acaba de publicar os datos”. Sen información e cos contratos outra vez diante, en dous meses podería  acontecer "que fechen máis explotacións", conclúe Fernández.

En teoría, segundo Fernández, "agora deberían comezar a recibir ofertas por ter que facelo con dous meses de antelación", unha norma que "incumpriron na anterior ocasión", un sistema que lles serve "para premer á baixa nos prezos que queren pagar ás explotacións".

Sobre este tema, o coordinador dos sectores gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, apunta en declaracións a Nós Diario que “a patronal non só ten que falar da Lei de Cadea Alimentaria, debería cumprila”. Considera en declaracións a Nós Diario que non ten sentido “alegar que poden existir problemas de abastecemento" cando "o máis importante sería pagar uns prezos xustos para incentivar a produción”.

Lembra este gandeiro que “estamos nun momento de moitas dificultades” e as industrias “seguen declarando beneficios” polo que estaría ben que repartisen esas ganancias coas produtoras e cos produtores”.

Somoza introduce outra incógnita que figuraba no programa de dez propostas que Fenil presentou a principios deste mesmo mes, a de “estabelecer criterios realistas sobre os distintos modelos das granxas” tendo en conta “a capacidade de retorno dos investimentos, a evidencia científica e as análises de impacto.

O responsábel dos sectores gandeiros na Fruga agarda que, con esta proposta, a patronal das industrias lácteas a nivel estatal “non estea pensando nun modelo que non sexa o da granxa familiar que temos na Galiza e que é o que debemos promocionar” por ser o que “sempre deixou unha rendibilidade demostrábel co paso do tempo”.

Comentarios