Os Gobernos da Galiza, Asturies, Cantabria, Euskadi e Andalucía fan fronte común ao veto á pesca de fondo

Os titulares de Pesca da Galiza, Asturies, Cantabria, Euskadi e Andalucía amosaron o seu apoio unánime ao Executivo estatal de cara a presentar un recurso contra o veto da pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico por parte da Comisión Europea. Ademais, o sector pesqueiro abriu a porta a realizar mobilizacións.
Rosa Quintana, onte no encontro de titulares de Pesca en Cantabria (Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press).
photo_camera Rosa Quintana, esta sexta feira no encontro de titulares de Pesca en Cantabria (Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press).

Os Gobernos da Galiza, Cantabria, Asturies, Euskadi e Andalucía apoiarán e sumaranse ao recurso que o Ministerio de Pesca do Executivo estatal prevé tras o veto de Bruxelas á pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico entre Irlanda e o golfo de Cádiz.

Os titulares de Pesca destes Executivos consideraron que é unha decisión "inxusta", adoptada "en contra" do regulamento de augas profundas e sen contar con informes "actualizados".

A conselleira galega do Mar, Rosa Quintana, queixouse de que a decisión da Comisión europea "colleunos a todos moi por sorpresa", segundo dixo, xa que ademais publicouse "sen máis" revisión, votación ou consulta, no que resumiu como "un acto de mala fe". 

De aí o apoio "unánime" ao Estado e ao Ministerio de cara á presentación do recurso anunciado, "de palabra e de sinatura", xa que as Consellarías están dispostas a buscar argumentos cos que complementar a alegación estatal ao veto europeo.

Pola súa parte, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Estado español, Luis Planas, mostrouse favorábel a presentar un recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) contra o veto á frota de fondo, unha vez que a Comisión rexeitou a súa petición de suspensión e revisión. "Estamos a traballar cos servizos xurídicos do Estado", apuntou.

Recollida de sinaturas impulsada polo sector

O presidente da asociación de armadores Pescagalicia-Arpega-Obarco, Severino Ares, no contexto dun acto na Coruña xunto coa alcaldesa da cidade, Inés Rei, o presidente da Deputación da Coruña e líder do PSdeG, Valentín González Formoso, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, tachou de "atropelo" o veto da Comisión Europea á pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico e advertiu da paralización de actividade "a curto prazo" de frota afectada, así como das consecuencias para outras industrias auxiliares e para as persoas consumidoras.

Con respecto ás iniciativas que porán en marcha, ademais dunha recollida de sinaturas, Ares non descartou protestas para "facerse ver". "O comisario europeo está teimudo en facer de menos a pesca en Europa", dixo sobre o comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius.

"Os primeiros preocupados polo estado dos recursos somos nós", dixo defendendo o labor do sector pesqueiro e rexeitando que existan argumentos para aplicar unha medida deste calado. "É unha barbaridade e é aniquilar moitas zonas que dependen da pesca", manifestou Ares.

Comentarios