A Comisión de Pesca da UE elude debater o veto á pesca de fondo

A representación galega rexeita o feche de caladoiros.
Barco arrastreiro (Cepesca)
photo_camera Barco arrastreiro. (Foto: Cepesca)

Os representantes galegos no Parlamento Europeo do PSdeG e do BNG, Nicolás González Casares e Ana Miranda respectivamente, manifestáronse onte en contra da decisión tomada pola Comisión Europea de estabelecer o veto á pesca de fondo sobre 87 caladoiros do Atlántico entre Irlanda e o golfo de Cádiz.

González Casares afirmou que "imos de cabeza a un desastre que vai ter consecuencias socioeconómicas que ademais non teñen sido avaliadas pola Comisión Europea". "Requirimos ao comisario que dea a cara", exi-xiu o socialista, "e que sexa antes de que entre en vigor o acto de execución porque estamos nunha situación moi grave", agregou.

Pola súa parte, Miranda lamentou "ter que comezar o meu traballo na Comisión de Pesca rexeitando a decisión unilateral tomada pola Comisión Europea o pasado 15 de setembro".

"De verdade que non coñece a Comisión as graves consecuencias que ten esta decisión para o sector pesqueiro galego?", preguntou a eurodeputada do BNG, ao tempo que apuntou que a pesca na Galiza supón perto de 6% do PIB e que a medida afecta a 200 barcos de capital galego e 900 de forma indirecta, con máis de 4.000 tripulantes afectados.

A nacionalista solicitou que se incluíse un punto relativo ao veto sobre a pesca de fondo na Comisión decorrida onte no Parlamento europeo. Porén, a súa petición non foi atendida. Ante esta situación, diversos representantes mostraron a súa intención de referirse á cuestión, ante as reticencias do presidente da Comisión de Pesca, Pierre Karleskind, que finalmente accedeu.

A sesión realizada na xornada de onte era a última antes da entrada en vigor do veto, o próximo 9 de outubro. Pola súa parte, o eurodeputado popular, Francisco Villar Mon, solicitou a comparecencia urxente do comisario de Pesca, Virginijus Sinkevicius, no pleno da próxima semana, tamén o último antes da execución do veto, sen que polo momento teña transcendido se vai ser incluída na orde do día.

Rego pide vetar a decisión

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, referiuse onte ao veto á pesca. "Tras o fechamento total de 87 caladoiros, [a frota] verase abocada ao desastre pois supón a destrución directa de empregos e un golpe brutal ao conxunto da economía da Galiza", apuntou, "o Goberno español debe actuar con contundencia vetando esta decisión", exixiu.

Comentarios