A UE multiplica por cinco o déficit comercial en outubro

As importacións comunitarias creceron 48% entre xaneiro e outubro.
A China foi a principal fonte de importación á UE durante este ano (Foto: Joe Giddens / PA Wire / DPA).
photo_camera A China foi a principal fonte de importación á UE durante este ano (Foto: Joe Giddens / PA Wire / DPA).

A balanza comercial da Unión Europea (UE) rexistrou en outubro un saldo negativo de 38.200 millóns de euros, máis que quintuplicando este déficit desde os 7.000 millóns de outubro de 2021, segundo os datos que publicou esta sexta feira Eurostat. 

As exportacións da UE -27 Estados- ao resto do mundo creceron 18% interanual, até os 225.200 millóns, mentres as importacións avanzaron 33,1%, até os 263.400 millóns. O comercio entre os Estados da UE foi de 366.600 millóns, 18,2% máis. 

Entre xaneiro e outubro, a UE rexistrou unhas importacións por valor de 2,115 billóns de euros, 18,8% máis, mentres as exportacións foron de 2,511 billóns, 47,7% máis. O comercio entre os Estados membros alcanzou os 3,507 billóns, 24,5% máis. 

Até setembro, a UE importou bens principalmente desde a China (526.400 millóns), os Estados Unidos de América (297.000 millóns) e o Reino Unido (184.500 millóns).

Na zona euro -19 Estados-, o saldo negativo da balanza comercial situouse en outubro en 26.500 millóns de euros, en comparación co superávit de 600 millóns de euros do mesmo mes de 2021.

En concreto, as exportacións de bens ao resto do mundo eleváronse 18%, até 252.800 millóns de euros, mentres que as importacións expandíronse 30,7%, até 279.300 millóns. O comercio entre os Estados do euro foi de 234.700 millóns, o que equivale a un incremento interanual de 17,9%.

Ademais, durante os primeiros dez meses do ano, a eurozona rexistrou un déficit comercial de 291.800 millóns de euros, fronte ao superávit de 129.300 millóns do mesmo período do ano pasado. 

As exportacións entre xaneiro e outubro creceron 19,1%, até os 2,374 billóns de euros, mentres que as importacións avanzaron 43%, até os 2,665 billóns. A actividade comercial entre os Estados da zona euro entre xaneiro e outubro foi 26,3% maior, situándose en 2,263 billóns.

Comentarios