Charles Michel, presidente do Consello Europeo: “A UE sofre moito máis que os EUA o conflito en Ucraína”

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, advirte nunha entrevista que a UE “sofre o conflito en Ucraína moito máis que os EUA”.

Charles Michel, presidente do Consello Europeo (Imaxe: UE)
photo_camera Charles Michel, presidente do Consello Europeo (Imaxe: UE)

Charles Michel, presidente do Consello Europeo -unha das sete altas institucións da UE que fixa a estratexia e orientacións da Unión- puxo de manifesto que a guerra en Ucraína “axudou a fortalecer os vínculos entre a UE e os EUA” e que causou “unha coordinación sen precedentes”.

Porén, afirmou que “o impacto do conflito nos EUA non é semellante ao da UE”, en particular, a respecto do ámbito enerxético. Díxoo no marco nunha entrevista publicada polo diario italiano Corriere della Sera.

As declaracións de Michel teñen a súa razón de ser no feito de que Washington é exportador de enerxía, mentres que Bruxelas segue a ser dependente das importacións. Así, explicou que as industrias da UE “pagan máis pola enerxía e afrontan a competencia das norteamericanas”. De feito, sinalou que os EUA e Noruega, por exemplo, “sacan proveito dos altos prezos enerxéticos”.

En relación a se se sente “traizoado” pola Lei de redución da inflación adoptada polos EUA, e que implica uns 370.000 millóns de dólares en axudas para produtos de enerxía renovábel, mais só fabricados alí, expuxo que “non usaría ese termo, pero preferiría outro comportamento”.

Nesta liña, Michel respondeu que os EUA “aínda baixo esta administración percibe os seus intereses económicos como a prioridade”.

Por outra parte, o presidente do Consello Europeo salientou que a UE non debe converterse “nunha vítima colateral” da confrontación entre a China e os EUA. Acrecentou que a UE e os EUA teñen “puntos de converxencia” a respecto da política cara a China e engadiu que nas relacións co xigante asiático, “a UE ten intereses por afirmar”.

Francia amosa a súa preocupación

Ademais, o ministro de Finanzas de Francia, Bruno Le Maire, afirmou este domingo que a UE debería protexer os seus intereses económicos, en resposta á Lei de redución da inflación dos EUA. “China favorece a produción china, os EUA favorecen a produción estadounidense... é hora de que a UE favoreza a produción europea”, afirmou.

Le Maire considera que os Estados da UE “deben entender que hoxe, fronte a estas decisións estadounidenses, debemos aprender a protexer e defender mellor os nosos intereses económicos”.

Non é a primeira vez que Le Maire se pronuncia neses termos. Na súa intervención na Asemblea Nacional o 13 de outubro, advertiu de que non se pode permitir que os EUA dominen o mercado enerxético mundial, mentres a UE sofre as consecuencias da guerra.

Nese sentido, cualificara de “inaceptábel” que os EUA “vendan o seu gas natural licuado a catro veces o prezo que fixa para os seus propios industriais”.

Comentarios