A Comisión Europea advirte dunha posíbel "guerra comercial" cos EUA

Von der Leyen suxire aplicar subsidios á industria.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen (Foto: Maxwell Photography / DPA).
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen (Foto: Maxwell Photography / DPA).

A Unión Europea (UE) ten que revisar as súas regulacións para "facilitar os investimentos públicos", afirmou nas últimas horas a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, nunhas declaracións recollidas polo Financial Times.

A aseveración da presidenta do Executivo da UE chega no contexto da Lei de Redución da Inflación (IRA, polas súas siglas en inglés) adoptada polos Estados Unidos de América (EUA), que implica o investimento duns 370.000 millóns de dólares en subsidios para produtos de enerxías renovábeis, mais só fabricados nos EUA.

O xiro económico proteccionista xera preocupación nos Estados da UE, que temen que provoque perda de mercado para a produción nas súas fronteiras. "A nova política industrial asertiva dos nosos competidores exixe unha resposta estrutural", dixo Von der Leyen. 

A presidenta da Comisión Europea agregou que a lexislación antiinflacionaria dos EUA pode levar a unha "competencia desleal" e a "fechar os mercados e fragmentar as cadeas de subministración críticas". "Se vemos que os investimentos nos sectores estratéxicos están fuxindo da UE, isto só pode socavar o mercado común", constatou. 

Para resolver a situación, afirmou Von der Leyen, Bruxelas debe "tomar medidas para reequilibrar o campo de xogo". Estas medidas, opina a líder da Comisión, consisten en "simplificar e adaptar" as normas no ámbito dos investimentos públicos para atraer "financiamento adicional a nivel da UE".

No entanto, Von der Leyen subliñou que entre os EUA e a UE existe o risco de poñerse en marcha unha "carreira de subsidios". Destacou que a UE "responderá de maneira adecuada e ben calibrada" á IRA, mais engadiu que unha "guerra comercial custosa" non está entre os intereses de Bruxelas, nin tampouco nos de Washington.

Sancións a Rusia

A Comisión Europea e representantes dos Estados membros da UE discutiron a preparación dun noveno paquete de sancións contra Rusia, recolleu Politico, que estaría dirixido aos sectores de tecnoloxía, finanzas e medios de comunicación. 

Fontes diplomáticas da UE aseguraron que se podería chegar a un acordo relativamente rápido, posibelmente antes da reunión do Consello de Asuntos Exteriores e da cimeira da UE da próxima semana. Estas discusións chegan despois de que o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, advertira nunha entrevista que a UE “sofre o conflito en Ucraína moito máis que os EUA”.

Comentarios