O Sindicato Labrego Galego culpa as industrias da baixada do prezo do leite

O Sindicato Labrego Galego (SLG) reiterou este sábado que as industrias son as responsábeis da baixada do prezo do leite. Por este motivo indicou que inicia unha campaña de denuncia con para "sinalar directamente" ás que considera que iniciaron unha "baixada de prezos orquestrada".

Vacas de leite nunha explotación en Macedo, Friol (comarca de Lugo), o pasado mes de febreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas de leite nunha explotación en Macedo, Friol (comarca de Lugo), o pasado mes de febreiro (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

"Todas as industrias que recollen leite na Galiza están a entregar aos gandeiros contratos á baixa", sinalou nun comunicado o Sindicato Labrego Galego (SLG). Por este motivo anunciou unha campaña sinalando con faixas as industrias lácteas que, segundo o sindicato,  “forzaron a última baixada de prezos”.

Ademais, considerou que esta "desvalorización do prezo do leite por parte do sector industrial" ten lugar nun momento no que "os custos de produción mantéñense altos" sen que até o momento notásense "baixas importantes en insumos principais como a alimentación, á vez que a seca "condiciona que os custos sigan sendo un tema preocupante nalgunhas zonas".

Tal e como detallou o SLG, o prezo medio do leite en xuño foi de 0,517 euros o litro, "moi lonxe dos 0,534 euros o litro que perciben as granxas do resto do Estado".

Nesta liña, destacou que son varias as industrias que "teñen un trato desigual coas granxas e modelos de contrato, con condicións distintas" que, apuntou, "normalmente prexudican ás máis pequenas".

"A diferenza entre as granxas galegas do tramo máis baixo de produción e o máis alto, ou o que é o mesmo, entre as granxas pequenas e as grandes, é de 7,48 céntimos o litro, visibilizando unha clara discriminación na que o mesmo produto, coa mesma calidade, é pago a un prezo moi diferente", sinalou o SLG.

Abandono das granxas

Estas dificultades engadidas aceleran, segundo o sindicato, “aínda máis o abandono e feche das granxas que, xa por mor do relevo xeracional, acada cifras dramáticas para o rural galego”.

Lembra que “multinacionais capitalistas coma Lactalis facturaron o ano pasado máis de 1.500 millóns”, mentres que “a aposta por mellorar as fabricas galegas se limitou a 3,2 millos de euros de investimento”.

Ademais, o SLG denuncia que diante desta situación “o Conselleiro José González Vázquez e a Xunta están desaparecidos” e “a sangría de peche de granxas de leite galegas continúa agravándose: das 6.171 que había fai un ano, xa só quedamos 5.853”.

Comentarios