A industria sobe 3,5% os salarios mentres paga o leite por baixo de custos no agro

Fruga e Sindicato Labrego Galego critican a industria por espremer o sector produtivo
Protesta de gandeiros e gandeiras o pasado 16 de novembro ante a planta de Larsa, do grupo Capsa Food, en Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Protesta de gandeiros e gandeiras o pasado 16 de novembro ante a planta de Larsa, do grupo Capsa Food, en Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Patronal e sindicatos alcanzaron esta semana un preacordo sobre o convenio colectivo de industrias lácteas no que se inclúe unha suba salarial de 3,5% en 2021 e outra ligada ao Índice de Prezos de Consumo real cun incremento a conta do 1% para 2022, 2023 e 2024.

O texto, que afecta perto de 20.000 traballadoras e traballadores e a máis de 1.000 empresas do sector en todo o Estado, terá unha vixencia de catro anos, de 2021 a 2024, e amplía a súa cobertura á elaboración de sobremesas. 

Outras melloras contempladas no preacordo do convenio son a subida dos 'plus' por traballar domingos e festivos e do complemento de nocturnidade.

A suba salarial para 2021 recollida no preacordo entre patronal e sindicatos supera amplamente a media estatal dos convenios, que se situou en 1,47% de incremento, segundo os datos facilitados esta mesma semana polo Ministerio de Traballo.

Ademais, prodúcese nun momento no que os gandeiros e gandeiras, especialmente os galegos, que cobran o prezo máis baixo do Estado polo leite a pesar de ser un dos de maior calidade, están a exixir a moitas destas industrias que repercutan no prezo que pagan pola materia prima o aumento dos custos de produción para evitar a venda a perdas, tal e como exixe a Lei da Cadea Alimentaria.

Malestar nas granxas

O anuncio desta suba salarial causou malestar entre o sector gandeiro galego que, se ben non pon en dúbida a lexitimidade da medida, que consideran "totalmente xusta" para os traballadores, tamén exixe "con moita rapidez" un aumento dos prezos que lles están a pagar aos produtores polo seu leite. 

Neste senso, o coordinador de Sectores Gandeiros da Federación Rural Galega (Fruga), Elías Somoza, lamenta que "o papel da industria láctea segue sendo o de espremer os gandeiros dalgunha forma. A industria láctea nunca perde, independentemente dos prezos que lle marque a distribución, que tamén ten culpa na fixación", apunta.

Somoza lembra ademais que este comezo de ano a situación de moitas explotacións está a verse afectada pola suba dos prezos dos insumos. "Os custos de produción seguen subindo, porque ademais de facelo os pensos estano facendo tamén as forraxes", alerta. 

Pola súa banda, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, indica que "hai que pagar dignamente o traballo, sexan fábricas, transportistas ou gandeiros". "Reivindicamos condicións dignas e dereitos laborais dignos, e para nós no campo esas condicións de traballo dignas chámanse prezos xustos", engade Vilalba.

Para a responsábel do SLG non é unha dicotomía que os operarios das fábricas ou os transportistas que recollen o leite das granxas teñan condicións boas, "para nós esa é unha cuestión importante, pero a parte que nos corresponde para que o noso traballo tamén se recoñeza e se pague dignamente é a remuneración axeitada polos alimentos que nós producimos", abunda.

Con todo,Vilalba argumenta que "o único" que quere o gran capital "é aumentar o seu beneficio", e moitas veces faino á custa das partes máis febles da cadea, "que neste caso somos as produtoras en granxa". 

Comentarios