A finais de marzo conclúe o prazo de renovación de contratos entre granxas e industrias lácteas e a pesar de que a norma especifica que teñen que ter unha duración dun ano, moitos dos que se van renovar agora foron asinados por menos duración.
Un feito que o Sindicato Labrego Galego (SLG) atribuíu na segunda feira a que "as industrias lácteas fixeron todo o posíbel para evitar comprometerse a asinar prezos razoábeis durante períodos máis longos".
Nesta liña, indicou o sindicato agrario, "as primeiras ofertas que están a recibir as gandeiras e gandeiros, até o de agora por dúas das cinco industrias máis grandes que operan na Galiza, propoñen prezos á baixa".
Unha destas empresas é Lactalis, que ten o maior volume de recollida do país, e que "de forzar unha baixada de prezos influiría nos datos do Observatorio Lácteo provocando que o resto de industrias se sumen a esa estratexia", engadiu o SLG.
Ademais, "os custos de produción duplicáronse en cuestións básicas como os pensos, o gasóleo ou os abonos, e triplicouse na electricidade", acrecentou a organización agraria galega.
Eliminación do IVE
Por outra parte, no caso das gandeiras e gandeiros, "a eliminación do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) de determinados produtos alimentarios, practicamente imperceptíbel para as persoas usuarias, implicou que as granxas non estean percibindo este 4% mensual, se ben elas si que seguen pagando IVE naqueles insumos imprescindíbeis para producir", explicou o sindicato.
Polo tanto, tendo en conta que a tendencia á suba nos custos de produción deste último ano mantense constante, e que os prezos dos produtos lácteos industriais tamén subiron, "resulta totalmente inadmisíbel a intención das operadoras de tentar ampliar as súas marxes de beneficio a costa de estrangular unha vez máis o elo máis feble da cadea", concluíu o SLG.