O Sindicato Labrego Galego critica Medio Rural por "lastrar" o proceso de solicitude da PAC

O SLG denunciou as "múltiples deficiencias e inexactitudes" provocadas pola Consellaría

Vacas leiteiras (Foto: Countrypixel).
photo_camera Vacas leiteiras (Foto: Countrypixel).

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas criticou esta segunda feira a "actitude irresponsábel e inoperante" da Consellaría do Medio Rural da Xunta da Galiza que, ao seu xuízo, "lastra" o proceso de solicitude das axudas da Política Agraria Común (PAC), que finaliza a vindeira sexta feira, día 30 de xuño.

En concreto, denunciou as "múltiples deficiencias e inexactitudes" provocadas pola Consellaría, "que lastraron de forma moi significativa o proceso de solicitude deste ano".

Nun comunicado, o sindicato lamentou que o grao de incerteza foi tal que en até dúas ocasións foi necesario solicitar concreción de determinados aspectos á Xunta, "ao que a Administración reaccionou coa falta de concreción e ritmo errático que a caracteriza ao longo deste proceso".

Nun primeiro escrito solicitáronse os criterios mediante os cales se realiza a clasificación de granxas en extensivas, semiextensivas ou non extensivas, xa que cada comunidade pode adaptar esta definición ás súas peculiaridades.

Nun segundo documento pediuse que se aclarasen dúas axudas agroambientais, "imprescindíbeis para que as persoas poidan tomar decisións fundamentais".

En ambos os casos, Medio Rural "negouse a contestar".

"É absolutamente neglixente someter as persoas solicitantes da PAC á incerteza de se se amplía ou non o prazo, así como trasladar inexactitudes a través de notas de prensa", lamentou o sindicato, que risca de "intolerábel" a actitude da Xunta da Galiza neste aspecto.

Comentarios