As conexións políticas da celulosa de Altri unen Feixoo, Rueda e Branco

A decisión de impulsar unha segunda pasteira na Galiza foi política. O seu primeiro patrocinador foi Alberto Núñez Feixoo e a súa posta en marcha estivo sempre condicionada á recepción de inxentes cantidades de fondos públicos. Neste escenario, o ex ministro de PSOE, José Branco, xoga un papel chave.
Altri
photo_camera O director executivo de Altri, Soares de Pina, con Núñez Feixoo e Miguel Corgos en abril de 2022, dando a coñecer o emprazamento da celulosa en Palas de Rei. (Foto: Xunta da Galiza).

O proxecto de erguer unha fábrica pasteira en Palas de Rei, na comarca da Ulloa, naceu da Xunta da Galiza na segunda metade de 2020. Unha vez aprobado o programa Next Generation polo Consello Europeo, o 21 en xullo dese ano, e confirmadas as súas dotacións económicas, o Goberno galego, presidido naquela altura por Alberto Núñez Feixoo, presentou en novembro de 2020 a proposta de levantar unha factoría para producir 250.000 toneladas de fibra de celulosa e crear de 700 postos de traballo directos.

O Executivo galego cifrou naquela altura o investimento para pór en marcha esta actuación en 950 millóns de euros, unha parte dos cales sería asumida con fondos públicos. Ao tempo, adiantaba aos medios de comunicación a súa intención de “sumar ao proxecto a Inditex e a Ence” para liderar un proxecto que consideraban tractor para o tecido económico do país.

O non de Inditex

Inditex e Ence non tardaron en desmarcarse da proposta. Inditex filtrou á prensa escrita poucos días despois do anuncio de Núñez Feixoo que un proxecto como o formulado pola Xunta da Galiza non entraba no seu plan de negocio. Ence, pola súa parte, sinalaba que os investimentos no ámbito das fibras téxtiles pasaban polo seu centro de traballo no concello de Navia, na comarca homónima de cultura galega emprazada en Asturias.

A negativa dunha e doutra compañía a este proxecto deixou o Goberno galego nunha situación delicada, obrigándoo a un complexo proceso de busca dun socio industrial, onde as primeiras opcións contactadas pola sociedade público-privada Impulsa Galiza, formada pola Xunta, Abanca, Sogama e Reganosa para a xestión de iniciativas ligadas aos Next Generation, rexeitaron participar.

O grupo Altri desembarcou na Galiza en outubro de 2021 para pórse á fronte do proxecto da man de Alberto Núñez Feixoo e de Manuel García Pardo, presidente e primeiro accionista de Greenalia, a través da súa patrimonial Smartia, que controla o 94% do capital da compañía enerxética que senta no seu consello de administración os antigos conselleiros do Partido Popular na Xunta da Galiza Antonio Couceiro e Beatriz Mato.

Altri e Greenalia

As relacións de Altri coa división forestal de Greenalia veñen de vello, até o punto de ser a pasteira portuguesa un dos clientes de referencia de Greenalia Forest, e anteriormente de García Forestal, subministrándolle estas empresas eucalipto desde o porto exterior de Ferrol, desde o ano 2015, para a súa celulosa de Figueira da Foz, unha das tres que ten en funcionamento en Portugal. Así, por exemplo, nese ano, as vendas de madeira de García Pardo a Altri sumaron perto de 8 millóns de euros, representando o 27% da facturación do grupo.

O proxecto da celulosa de Palas de Rei serviu para reforzar as relacións entre os dous grupos. Tanto é así que a sociedade promotora da pasteira, Greenfiber, mercantil con enderezo en Pontevedra, está conformada por Altri, titular do 75% do capital da compañía, e Manuel García Pardo, propietario a través de Smartia do resto das accións.

A entrada do grupo de García Pardo na sociedade impulsora da pasteira da Ulloa non se formalizou até novembro de 2022, porén, as negociacións para a súa incorporación ao proxecto comezaron con anterioridade a que se coñecese a decisión de Altri de investir na Galiza. Neste sentido, en xaneiro dese ano, Nós Diario xa deu conta destes contactos, desvelando que ao longo de todo o exercicio 2021 os dous grupos viñan estudando como formular a operación.

A posta en marcha da pasteira da Ulloa estivo sempre condicionada á concesión de axudas públicas por parte do Estado a cargo do programa Next Generation. Nesta liña, Altri ligou a construción da súa factoría en Palas de Rei á recepción dunha subvención próxima a 250 millóns de euros, que lle permitiría cubrir entre o 25% e o 28% do investimento, cifrado pola empresa entre os 900 e os 1.000 millóns de euros.

A entrada en acción de Branco

Os responsábeis do Executivo estatal negaron durante o ano 2022 e boa parte de 2023 que a iniciativa tivese encaixe nos diferentes Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) e que puidese acceder a un Perte específico, como reclamaba o Goberno galego. Aínda en xuño de 2023, a entón vicepresidenta primeira do Goberno do Estado, Nadia Calviño, sinalou que o proxecto "incumpre" os criterios marcados pola Comisión Europea.

Os promotores da celulosa de Palas de Rei recoñeceron un cambio de posición do Executivo estatal. Nesta liña, a propia Altri sinalou nas últimas semanas que traballa co Ministerio de Industria en catro liñas de axuda pública e apuntou a unha achega dos fondos estatais próxima aos 250 millóns, unha parte da cal procedería de subvencións a fondo perdido e outra a créditos a baixo custo. Neste sentido, as persoas coñecedoras da negociación conectadas por Nós Diario destacan o traballo José Branco e da súa consultora, Acento, en favor da pasteira proxectada para a comarca da Ulloa diante do Goberno español.

O ex ministro socialista de Fomento e número dous do PSOE na época de José Luis Rodríguez Zapatero foi un dos políticos que recibiu con máis entusiasmo o anuncio de Altri de instalarse en Palas de Rei, afirmando ese día nas súas redes sociais que era unha “gran nova para Lugo, para a comarca da Ulloa e para Palas de Rei”.

As relacións do grupo de medios de comunicación de Altri con Abanca

Altri ten unha longa experiencia de relación cos responsábeis públicos en Portugal, onde mantén unha rede diversificada de negocios. Así, no país veciño é accionista de referencia dunha importante división de medios de comunicación, en cuxo capital tamén participa o futbolista Cristiano Ronaldo. O grupo mediático, denominado desde novembro de 2023 Expressão Livre e con anterioridade Cofina Media, é propietario dunha canle de televisión, CMTV, catro revistas e cinco xornais diarios, entre eles a primeira cabeceira de información económica, Jornal de Negócios, e o terceiro xornal xeralista máis lido do país, Correio da Manhã.

Cofina Media impulsou entre 2019 e 2020 unha operación para facerse co grupo Media Capital, titular de cinco emisoras de radios e de varias canles de televisión, entre elas TVI, mediante a compra das accións que posuía naquela compañía o grupo español Prisa, que finalmente non se formalizou ao non completar Cofina Media unha ampliación de capital por 85 millóns de euros para sufragar a adquisición de Media Capital. A decisión de Altri foi anunciada en marzo de 2020, coa pandemia marcando a vida política, social e económica de Portugal.

O grupo galego Abanca, no marco destas negociacións, tiña previsto facerse co 10% do capital de Cofina Media, mantendo naquela altura unhas negociacións moi avanzadascon Altri, con quen apostaba por conformar unha sociedade que non se concretou polo paso atrás do grupo impulsor da celulosa proxectada en Palas de Rei.

Comentarios