A reforma das pensións segue adiante sen admitir propostas de mellora

O Goberno español avanza na reforma do sistema de pensións coa aprobación no Congreso das Deputadas das recomendacións da comisión do Pacto de Toledo, que saen da Cámara baixa sen rexistrar modificacións, após ser rexeitados todos os votos particulares emitidos polos distintos grupos da oposición.
Pleno da comisión do Pacto de Toledo o pasado mes de outubro (Foto: Congreso das Deputadas).
photo_camera Pleno da comisión do Pacto de Toledo o pasado mes de outubro (Foto: Congreso das Deputadas).

Despois de moitos anos de intentos infrutuosos, a reforma das pensións está un chanzo máis preto. Hoxe o Congreso das Deputadas aprobou as novas recomendacións do Pacto de Toledo sen tomar en conta as consideracións dos distintos grupos políticos da oposición, polo que só se lle deu luz verde ao ditame que saíu da comisión o pasado 27 de outubro cos votos de PSOE, PP, Unidas Podemos, Cidadáns, Junts, PNV e Coalición Canaria. Esquerra Republicana e EH-Bildu optaron por absterse e Vox votou en contra.

Coa votación desta quinta feira culmina un proceso iniciado en 2016 para renovar as recomendacións, que databan de hai máis dunha década, de cara a unha reforma de pensións que garanta a sustentabilidade do sistema.

As cotizacións sociais seguirán a ser a base dese renovado sistema, mais o texto recolle a necesidade de apostar en "mecanismos innovadores", coa vista posta na dixitalización da economía, para aumentar os ingresos e garantir o seu financiamento. 

Outro dos aspectos máis destacados das recomendacións aprobadas no Congreso é a eliminación do sistema dos denominados gastos impropios, que a partir de 2023 serán integramente sufragados con cargo aos Orzamentos Xerais dos Estado español, e non das contas da Seguridade Social.

Rexeitados todos os votos particulares

Porén, o debate xirou arredor doutras cuestións, como a xubilación anticipada ou os plans complementarios de pensións. Estes e outros temas estaban recollidos nos votos particulares ás recomendacións presentados polos distintos grupos con representación parlamentaria. 

Os únicos que non presentaron foron o PSOE, Unidas Podemos, PNV e Junts, que se deron por satisfeitos co aprobado na comisión. Por contra, o PP, Esquerra Republicana, Ciudadanos, EH-Bildu, Más País-Equo, Compromís e o BNG presentaron os seus, todos eles rexeitados nas votacións telemáticas avanzadas pola presidenta da Cámara, Meritxel Batet, no Pleno.

PP e Ciudadanos suxerían modificacións no capítulo dedicado aos plans de pensións privados. Concretamente, os populares pedían apoiar os mecanismos de aforro individual con máis incentivos e non "eliminar" nin "reducir" as deducións fiscais.

Ciudadanos, pola súa banda, aínda que non chegaba a mencionar o sistema de 'mochila  austríaca', recomendaba unha modificación para que o sistema fose compatíbel con este modelo de achegas, que se acumulan durante a vida laboral e que poden ser rescatadas en caso de desemprego ou para complementar a xubilación.

A formación laranxa presentara un segundo voto dedicado a propoñer máis incentivos á xubilación activa e a acabar con toda penalización sobre a pensión, e aumentar os incentivos para sentar "as bases dun verdadeiro sistema universal de previsión social complementaria da Seguridade Social dirixido a todos os traballadores en activo, por conta propia e allea, durante toda a súa vida laboral".

Máis emendas

O resto de grupos foron máis xenerosos na súa lista de peticións. Así, Esquerra e EH-Bildu esixían no seu voto particular moitas máis modificacións. Entre outras cuestións, apostaban en derrogar as reformas laborais e de pensións dos gobernos do PP, a supresión de todo o punto dedicado aos sistemas complementarios, propoñían como referencia para as pensións mínimas 90% do salario mínimo, que a xubilación por encima dos 65 anos sexa voluntaria, 'destopar' a base máxima de cotización, calcular a base reguladora da pensión nos mellores 20 anos e a condonación por parte do Estado español da débeda contraída pola Seguridade Social en base aos gastos impropios asumidos por esta nos últimos anos.

No caso de Más País-Equo, a formación de Íñigo Errejón defendía no seu voto unha redacción máis comprometida coa eliminación das penalizacións a toda persoa xubilada de forma anticipada que tivese cotizado 40 anos ou máis, fixando unha nova pensión en función da base contributiva e anos cotizados.

Pola súa banda, o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que se abstivo na votación final, tamén presentara un voto particular cunha batería de cuestións que consideraba lesivas para os intereses dos galegos e das galegas e que, ao igual que aconteceu co resto de propostas, non quedaron recollidas no texto final. 

Entre elas figuraba a recuperación dos 65 anos como idade legal de xubilación fronte aos 67 actuais, que as pensións mínimas non fosen en ningún caso inferiores a 60% do salario medio, poder elixir os dez mellores anos de cotización no momento de calcular a contía das pensións, ou eliminar o tope das bases máximas de cotización para que as persoas que máis cartos gañan contribúan en maior medida ao mantemento do sistema.

Estas propostas ían na liña das da CIG, que exixía tamén a derrogación das reformas lexislativas de 2011 e 2013, así como a transferencia á Galiza da xestión do réxime económico da Seguridade Social, entre outras peticións. 

Así pois, o Goberno español conta xa coas directrices para modificar o sistema de pensión e rematar con algunha das eivas que poñían en risco a sua viabilidade. Outra cousa será facer que as galegas non sexan as pensións máis baixas de todo o Estado.

Comentarios