martes 24/11/20

O atraso da xubilación só beneficia as profesións con maior cualificación

O debate das pensións está a xerar moitas opinións encontradas entre os colectivos partidarios de penalizar a xubilación anticipada e incentivar a actividade laboral máis aló da idade de xubilación e os que consideran que estas medidas non farán máis que fechar aínda máis as portas do mercado laboral á xente nova.
Xente pola rúa (Foto: Arxina).
Xente pola rúa (Foto: Arxina).

Estas últimas semanas estamos a constatar unha intensa actividade ministerial para dar saída a cuestións que afectan á situación económica de milleiros de familias. Están a negociación dos ERTE, a nova norma sobre o teletraballo, o debate sobre o salario público, e agora tamén un tema que afecta tanto ao Ministerio de Traballo e Economía Social como ao de Inclusión, Seguridade Social e Migracións: as xubilacións. 

Hai uns días, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, tivo que saír ao paso dunhas supostas discrepancias co titular do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, acerca de por onde ten que ir a reforma das pensións. As friccións viñan pola intención deste último de ofrecer incentivos para prolongar a vida laboral máis aló da idade legal de xubilación, unha decisión que, segundo Díaz, "entorpecería" o rexuvenecemento dun mercado "profundamente envellecido".

Como explica a Nós Diario o experto Xavier Pérez Davila, medidas como penalizar a xubilación anticipada e incentivar o atraso da xubilación máis aló da idade legal "complican aínda máis o acceso da xente nova, as mulleres e os parados ao mercado de traballo", dous colectivos que son os máis prexudicados pola falla de oportunidades.

Ademais, Pérez Dávila considera que a penalización da xubilación anticipada, outra das medidas avanzadas por Escrivá, "ten un efecto clasista, xa que hai unha serie de traballos que se desenvolven en condicións físicas moi exixentes. O que vai facer é que estas persoas teñan que elixir entre xubilarse cunha maior redución das bases reguladoras da que sofren agora ou continuar traballando en condicións penosas, se non son as propias empresas as que lles meten presión para xubilarse".

Tamén sería clasista incentivar a vida laboral máis alá da idade legal. "A quen beneficia é as persoas que desempeñan postos de traballo máis cualificados, mellor pagados e con maior prestixio social, que recibirán pensións por riba da máxima", indica o experto.  

Suba das cotizacións

Do que si se amosa partidario Pérez Davila é de que se suba a base de cotización máxima, xa que "o sistema actual é proporcional, non ten ningún tipo de progresividade", e pon o exemplo dos directivos do IBEX, que cobrando salarios de 2,4 millóns de euros anuais non cotizan por máis de 48.000 euros. 

Pero que paguen máis non debería darlles dereito a percibir aínda moito máis cando se xubilen, sobre todo cando temos "entre 4 e 5 millóns de pensións por debaixo do salario mínimo interprofesional que se deberían subir por riba do IPC". 

Outra medida que vería positiva para equilibrar o sistema de pensións, incluída nun relatorio que presentou en xaneiro de 2019 o propio Escrivá cando estaba á fronte da Autoridade Independiente de Responsabilidade Fiscal (Airef), é a de pagar con cargo aos orzamentos xerais do Estado español as pensións de viuvez e orfandade, así como os gastos de xestión da propia Seguridade Social que, como lembra Pérez Dávila, "é o único organismo público que asume cos seus ingresos os gastos propios de xestión". Desta maneira, apunta, "eliminaríase o argumento do déficit do sistema co que sempre nos machacan". 

División nos sindicatos

Mais a división que evidenciaron os ministros de Traballo e Seguridade Social tamén se dá nos sindicatos. Así, en UXT a secretaria de Políticas Sociais, Emprego e Seguridade Social, Mari Carmen Barreira, propón acabar coa xubilación anticipada forzada dos maiores de 50 anos. "Non son voluntarias, son forzosas, porque o noso mercado de traballo está a expulsar ás persoas traballadoras de máis idade", sinalou nunha entrevista.

Para Barreira, "a mellor maneira de asegurar os ingresos da Seguridade Social é facendo que os maiores cheguen á súa idade normal de xubilación nos seus postos de traballo". Ademais considera que esta é a mellor maneira de aproximar a idade efectiva de xubilación á legal.

O seu secretario xeral, Pepe Álvarez, pola contra, argumentaba que a pretensión de penalizar as xubilacións anticipadas era "malvada, inhumana e cruel", xa que 81,5% dos traballadores que se xubilaron anticipadamente en 2019 "fixérono desde o desemprego", e a de alongar a idade de xubilación, "un desastre".

Pola súa banda, a secretaria de organización da CIG, Susana Méndez, afirma que as medidas anunciadas "xa as coñecíamos como propostas da Airef, pero para nada representan a solución que precisa o sistema público de pensións", engade.

"Se as medidas que se implantan supoñen que se amplíe a vida laboral e se dificulte o acceso á xubilación anticipada, o que está claro é que se prexudica a quen accede a ese mercado. A mocidade, unha vez máis, se ve abocada á emigración, ao desemprego e á precariedade", lamenta.

comentarios