venres 27/11/20

As pensións galegas seguen entre as máis baixas do Estado español

As pensións galegas sitúanse de media nos 826,91 euros, só por detrás de Estremadura.
Un grupo de persoas xubiladas.
Un grupo de persoas xubiladas.

Galiza segue no grupo de cola no que a pensións se refire. Un mes máis, as prestacións que perciben as galegas e galegos foron as segundas máis baixas do Estado español, só superadas polas de Estremadura, cunha media de 861,26 euros, o que a sitúa 151,68 euros por debaixo da media estatal, que se sitúa nos 1.012,94 euros.

Así o constatan os datos difundidos onte polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que reflicte que, a 1 de agosto, o número de pensionistas ascendía na Galiza a 764.426 persoas, 7,82% do total estatal e 0,18% menos que no mesmo mes do ano anterior.

Por tipoloxía das pensións, 68.387 perciben unha prestación por incapacidade permanente ─cunha media de 891,86 euros─, 479.143 por xubilación ─con 980,03 euros de media─, e 185.785 por viuvez, que perciben de media unha prestación de 613,17 euros ao mes.

No conxunto do Estado, a Seguridade Social destinou 9.904 millóns de euros ao pago das pensións contributivas, 2,3% máis que no mesmo mes de 2019. O gasto de agosto foi superior ao do mes anterior (9.882 millóns) debido que subiu o número de pensións respecto de xullo en 10.506 prestacións, até situarse en 9.777.556 pensións contributivas.

Con datos de xullo, o número de altas de pensión rexistradas foi de 49.521 pensións, 7,1% máis respecto ao mesmo mes do ano pasado polos aumentos próximos a 12% nas de xubilación e viuvez.

No acumulado entre xaneiro e xullo producíronse 293.752 altas, é dicir, novas pensións, cifra 14,8% inferior á do mesmo período de 2019. Ao mesmo tempo que baixaron as altas, subiron as baixas: no sete primeiros meses do ano causaron baixa 317.669 pensións, 12,9% máis. Os maiores aumentos de baixas rexístranos as de viuvez (16,5%) e xubilación (14,1%).

Impacto da Covid-19

Para o ministerio, estes datos reflicten o efecto da pandemia e obedecen, en parte, ao feche de oficinas durante o estado de alarma e o confinamento, que fixo aprazar á cidadanía as súas xestións coa Seguridade Social. "Tamén hai que ter en conta como influíu a pandemia en termos de mortaldade sobre o conxunto da poboación e, en maior medida, sobre o colectivo das persoas de maior idade", engade o ministerio.

comentarios