martes 24/11/20

A CIG critica as propostas da comisión do Pacto de Toledo

A central sindical considera que as propostas da comisión consolidan as reformas regresivas de 2011 e 2013
O número de pensionistas na Galiza caeu co coronavirus (Foto: Arxina).
O número de pensionistas na Galiza caeu co coronavirus (Foto: Arxina).

O próximo 10 de novembro o Pleno do Congreso debate as recomendacións da Comisión do Pacto de Toledo sobre o sistema público de pensións, unhas propostas contra as que a CIG se amosa moi crítica, xa que, segundo denuncian, "van encamiñadas a consolidar as regresivas reformas aprobadas nos anos 2011 e 2013 e non garanten o reforzo do sistema público". "Agás a recuperación do índice de revalorización ligado ao IPC, o resto dos recortes fican intocábeis e incluso se actualiza algún aspecto de cara a avanzar nun novo recorte das pensións públicas" engaden.

Nesta liña, lamentan que, malia ser un dos elementos máis regresivos da reforma de 2013, destácase a ampliación do período de cálculo da base reguladora das pensións, mais omítese calquera mención á derrogación do "factor de sustentabilidade", pretendendo que se manteña aínda que hai un acordo político para adiar a súa aplicación.

Segundo explican desde a central sindical, este é un dos elementos máis regresivos da reforma de 2013, que xa estaba contemplado na reforma de 2011, pois implica que a máis esperanza de vida, menos pensión cobraremos. 

Para o seu secretario xeral, Paulo Carril, as recomendacións "incorporan declaracións para encubrir os seus verdadeiros fins", entre os que cita a prolongación da idade de xubilación máis alá dos 67 anos.

Ademais, para Carril resulta moi definitoria a omisión nestas recomendacións de mecanismos para estabelecer unha pensión mínima garantida por lei, que a CIG considera que debería ser equivalente ao salario mínimo interprofesional.

Sistemas complementarios

Outro dos aspectos que critican é o dos sistemas complementarios, "un eufemismo para non chamarlle directamente sistemas privados". Carril denuncia que se pretende fomentar estes sistemas na negociación colectiva para, na práctica, estabelecelos como un modelo substitutivo do sistema público.

Con todo, para o secretario xeral da CIG o elemento máis grave deste modelo, aínda que non aparece reflectido nas recomendacións, sería que o propio Estado achegara fondos para fomentar eses sistemas complementarios, o que se converterá nun novo elemento de discriminación entre as persoas traballadoras en función dos seus ingresos salariais.

Seguridade Social 

Sobre o chamamento a simplificar os réximes de Seguridade Social, Carril alerta que supón un gran problema, con maior incidencia no caso de Galiza, polas graves consecuencias que ten o desmantelamento e a eliminación do réxime especial agrario que agora se podería estender ao réxime especial do mar.

Si coincide a CIG coa necesidade de separar as fontes de financiamento, quitando das contas da Seguridade Social custes que non lles son propios e que distorsionan o seu equilibrio financeiro. Non obstante, cando se fala de cotizacións sociais que deben ser destinadas exclusivamente a financiar as prestacións contributivas, a CIG defende seguir incluíndo a de orfandade e viuvez, para evitar que se lle queira dar un carácter  non contributivo, e polo tanto de beneficencia.

De igual xeito, a CIG anima a aproveitar a recomendación número 8 (sobre a xestión do sistema) para formular a proposta de transferencia a Galiza da xestión do réxime económico da Seguridade Social, unha reivindicación que a central nacionalista vén demandando dende hai anos.

No relativo ás mulleres, a Comisión do Pacto de Toledo non achega elementos concretos para rematar coa discriminación que sofren as mulleres á hora de acceder a unha pensión, nin se fai mención aos contratos a tempo parcial para resolver e  buscar un paquete de medidas ante os abusos patronais por infracotización ou falla de cotización, que no caso das traballadoras galegas ademais é particularmente grave.

Tampouco se achega solución para as empregadas do fogar, que segue a ser un dos colectivos máis desprotexidos en canto á coberturas e prestacións.

Finalmente, o secretario xeral da CIG, critica o chamamento continuado que se fai ao diálogo social, negando o papel legal dos órganos de representación tripartitos conforme á LOLS e eliminando así do debate as centrais sindicais molestas como CIG e a ELA, e recorrendo ao diálogo social como vía do sistema para edulcorar duras reformas.

comentarios