martes 24/11/20

'Fumata branca' para reformar as pensións

As integrantes do Pacto de Toledo someten esta terza feira a votación o acordo sobre as novas recomendacións en materia de pensións, o primeiro en dez anos, antes de remitilo ao Congreso.  
O sistema público de pensións leva moitos anos á espera dunha reforma que garanta a súa sostibilidade económica (Foto: Arxina)
O sistema público de pensións leva moitos anos á espera dunha reforma que garanta a súa sostibilidade económica (Foto: Arxina)

Tivo que pasar unha década para que o Pacto de Toledo fechase unhas novas recomendacións en materia de pensións. Foi a pasada sexta feira e esta terza feira o acordo sométese a votación para, en cuestión de días, levalo ao Congreso das Deputadas.

O novo texto, que constitúe o paso previo a que o Goberno español acometa a reforma das pensións, persegue o obxectivo de manter e mellorar un sistema público baseado na solidariedade interxeracional, a suficiencia de prestacións, a equidade na repartición das cargas e a responsabilidade pública na dirección e xestión do mesmo.

Nese modernizado sistema as cotizacións sociais seguirán a ser a "fonte básica" de ingresos, que deberán acompañarse doutros "mecanismos innovadores", como o chamado "imposto ao robot", para asegurar a sustentabilidade do sistema e a suficiencia das pensións nunha economía na que a innovación tecnolóxica non implica unha maior creación de emprego.

Entre as principais achegas do novo Pacto está a recuperación do IPC como referencia para as revalorizacións anuais das pensións, consenso logrado e conservado na última lexislatura hábil, pero tamén un plan de saneamento das contas.

Gastos impropios

Este plan consiste en deixar as cotizacións sociais para pagar as pensións contributivas e sacar do sistema unha serie de gastos considerados impropios, como as pensións non contributivas, para, nun prazo marcado até 2023, empezar a asumir toda esta factura desde os Orzamentos Xerais do Estado e non desde as contas da Seguridade Social, unha medida xa comprometida polo Goberno español para as contas públicas de 2021.

Ao mesmo tempo, o texto suxire a converxencia dos distintos réximes cara a dúas únicas figuras, traballador por conta propia ou por conta allea, que tenderán a equipararse. Nesta liña, vaise favorecer que as persoas autónomas coticen con base nos seus ingresos reais.  

No que atinxe á forma de cálculo da pensión, o Pacto asume a ampliación marcada pola reforma levada a cabo en 2011 para o número de anos necesarios para calcular a pensión ─até 25 anos en 2022─, mais abre a posibilidade de elixir os mellores anos para evitar lagoas de cotización que afecten á contía da pensión.

Xubilación anticipada

Unha das cuestións que máis debate xerou foi a do atraso na idade de xubilación. Finalmente o Pacto, ademais de apoiar medidas para achegar a idade efectiva de xubilación á idade legal, contempla incentivos para prolongar a vida laboral máis aló desta, ao tempo que tratará de evitar que se empregue a xubilación anticipada como fórmula de regulación de emprego.

Neste senso, o Pacto de Toledo empraza o Executivo español a avaliar que colectivos poderían beneficiarse de excepcións nestas penalizacións e a presentar as súas propostas para aqueles supostos de inequidade, tomando en conta as circunstancias nas que se dá a prexubilación e a extensión da súa carreira de cotización.

Outras medidas

O documento que se someterá a votación tamén inclúe outras consideracións, como a aposta nos plans de pensión de emprego nas empresas, favorecendo este mecanismo complementario na negociación colectiva; a loita contra a fraude laboral e a precariedade; a redución da fenda de xénero nas prestacións; a necesidade de facilitar un emprego digno ás persoas con discapacidade, así como a de favorecer a integración no sistema de pensións das persoas migrantes

comentarios