martes 19/01/21
Análise

A quebra das caixas segue sen explicación

A comisión que investiga a quebra das caixas galegas volve estar activa no Parlamento da Galiza, mais son moitas as dúbidas sobre os seus resultados. Mentres o presidente da institución, o popular Miguel Santalices, aposta por un ditame en breve, as forzas da oposición cuestionan esa posibilidade.
Sesión de constitución no Parlamento da Galiza da comisión de investigación das caixas. (Foto: Parlamento da Galiza)
Sesión de constitución no Parlamento da Galiza da comisión de investigación das caixas. (Foto: Parlamento da Galiza)

O presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, dá por feito un ditame da comisión de investigación das caixas galegas ao longo desta lexislatura. Así o apuntou o pasado domingo nunha entrevista concedida á Radio Nacional de España. Na conversa, Santalices sinalou que supón que habería conclusións e apoiou que “se poderán incorporar” ás mesmas “moitos acontecementos que foron xurdindo” desde a última paralización da comisión parlamentaria. 

As forzas da oposición discrepan das declaracións do presidente da Cámara galega e amósanse máis pesimistas. A este respecto, as fontes nacionalistas e socialistas consultadas por Nós Diario sinalan que o Partido Popular non ten ningún interese en aclarar o acontecido con Caixa Galicia e Caixanova e pon como exemplo a única reunión da comisión após a súa activación en outubro. A xunta decorrida o pasado 11 de decembro no Parlamento da Galiza durou 12 minutos sen que desde o Goberno se entregase ningunha documentación nova aos grupos da oposición.

Os antecedentes non dan motivos para a confianza a nacionalistas e socialistas. A comisión de caixas constituíuse na súa primeira xeira en 2012, foi paralizada en 2017 e volveuse activar en outubro de 2020, após a presión da oposición e unha sentenza da Audiencia Nacional que impugnou a política da Xunta da Galiza na materia. Porén, a actitude na mesma do PP limitou as comparecencias, reduciu a parte destas a simples actos de trámite sen resultado práctico ningún e puxo pexas ao acceso á documentación chave, até rematar a cuestión diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Diversos procedementos xudiciais seguidos contra os responsábeis e a operativa de Caixa Galicia e Caixanova teñen aberto algunha liña de investigación pendente de ser ampliada e continuada. Así, a Audiencia Nacional sentenciou no xuízo decorrido en 2015 contra o ex director xeral e ex presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e outros directivos desta entidade polas xubilacións millonarias que “Caixa Galicia estaba practicamente quebrada; e Caixanova, se ben non chegaba ao nivel de insolvencia de Caixa Galicia tería serios problemas”.

Unhas caixas inviábeis 

As conclusións achegadas polos xulgados coinciden cos informes elaborados no seu momento polo Banco de España, o organismo regulador encargado de controlar as contas das entidades de crédito e que avalou a fusión de Caixa Galicia e Caixanova. No procedemento de 2015 contra Fernández Gayoso, o director do Departamento de Inspección de Banco de España sinalou que “Caixa Galicia era practicamente inviábel”, que Caixanova “estaba un pouco mellor que Caixa Galicia”, pero que “tamén estaba mal, tendo en conta uns desequilibrios en ambas as caixas que facían que non puidesen funcionar por si soas”.

As semellanzas na situación contábel non sorprenden, xa que Caixa Galicia e Caixanova partillaron operativa, modelo de xestión e orientación do negocio. Un bo exemplo disto foi a súa posición en relación ao sector inmobiliario, que representou en 2007 o 23% e o 26%, respectivamente, da carteira industrial de Caixanova e Caixa Galicia ou a súa presenza no capital de sociedades construtoras, sen ningunha relación coa Galiza, como Sacyr ou Colonial. Nesta mesma orientación explícase que as caixas galegas destinasen miles de millóns de euros a financiar o sector inmobiliario, aumentado entre 2003 e 2007 o crédito promotor de Caixa Galicia en 181% e de Caixanova en 120%. A maiores, o groso dos investimentos inmobiliarios financiados por ambas as entidades executáronse fóra da Galiza.

As causas da quebra das caixas galegas son de diversa orde. Unha parte delas tiveron un carácter estrutural, estiveron asociadas ás políticas que provocaron o estoupido de 2007 e abriron a porta ao que os economistas deron en denominar como Longa depresión. Outras apuntan á falla de control dos organismos reguladores galegos e estatais, que tiñan asignada a función de supervisión e vixilancia. Aínda así, gran parte da responsabilidade recaeu nos equipos directivos, a cuxa cabeza se situaron José Luís Méndez e Julio Fernández Gayoso, cunha práctica e xestión marcadas pola falla de rigor e cunhas políticas de investimento que non atenderon a función social definida na propia natureza xurídica das entidades.
 

comentarios