A Audiencia Nacional cuestiona o papel da Xunta na fusión das caixas galegas

Responsabiliza Caixa Galicia da quebra de NCG e considera que Caixanova podería “vivir por si propia”.

Núñez Feixoo celebra en 2010 a fusión das caixas galegas coas súa directivas (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Núñez Feixoo celebra en 2010 a fusión das caixas galegas coas súa directivas (Imaxe: Europa Press).

A fusión de Caixa Galicia e Caixa Vigo, que derivou nunha nova entidade, NovaCaixaGalicia, que, unha vez transformada en banco, foi vendida por mil millóns de euros ao venezolano Banesco previo desembolso de 9.000 millóns de euros das arcas públicas; continúa a dar que falar.

E desta vez quen fala non é un calquera: é a Audiencia Nacional, que a través dun auto do pasado día 1 da súa sala do penal -e desvelado por medios como Faro de Vigo ou El País- cuestiona a fusión das caixas galegas, un proceso que ‘dinamitou’ o sistema financeiro galego.

A Audiencia Nacional sinala un dos actores, Caixa Galicia, como responsábel de que a nova entidade quebrase e tivese que ser rescatada. A entidade financeira dirixida por José Luis Méndez estaba nunha situación de risco “lato” e que comprometía a súa solvencia para ser viábel por ela propia.

Diferente era, segundo esta sala, a situación de Caixanova, que, afirma, “podería vivir por si propia”, se ben non exenta de dificultades.

A fusión de ambas caixas tiña o apoio da ponte de mando da coruñesa e a oposición da viguesa. E aí entrou a Xunta da Galiza, cun informe da auditora KPMG que indicaba que a unión de ambas as dúas entidades daría unha única caixa “solvente” e “viábel”.

Mais o que aconteceu foi xusto o contrario.  KPMG axiña se apresurou a matizar que o que ela fixera non fora unha auditoría. Frances Gibert, un dos responsábeis daquel informe de KPMG encargado pola Xunta sobre as caixas galegas e polo que pagou un millón de euros, recoñece que era un informe “de trazo gordo”, que “en ningún caso” fora unha auditoría das entidades e que nunca recomendara a fusión. Todo o contrario do que o goberno de Núñez Feixóo dicía en 2010, cando presentara ese traballo como o aval definitivo que recomendaba fusionar Caixanova e Caixa Galicia.

O propio Goberno de Feixoo cóidase moito de que non se afonde no tema da fusión. Até tal punto que o TSXG condenou a Xunta por ocultar información sobre a fusión das caixas a Antón Sánchez.

A pantasma da fusión de Caixanova e Caixa Galicia regresa, logo, dez anos logo daquela operación. O resultado, Nova Caixagalicia, tivo un breve percorrido antes do nacemento de Novagalicia Banco, constituído en setembro de 2011 e de trazado igualmente efémero. En 2013 o grupo venezolano Banesco mercouno por 1.003 millóns de euros. No primeiro ano de actividade da xa denominada Abanca os beneficios da entidade ascenderon a 1.115 millóns de euros.

Previamente, Novacaixagalicia recibiría por volta de 10.300 millóns de euros de axudas públicas para facer fronte á crise económica e mais ao resultado duns tóxicos investimentos en ladrillo. Do cuarto rescate bancario máis custoso para as arcas públicas, tal e como o cualificou o Tribunal de Contas, só se recuperaron 783 millóns.

Paralelamente, a Audiencia Nacional investigou as indemnizacións millonarias das directivas das caixas galegas. Como resultado os ex directivos Julio Fernández Gayoso, José Luis Pego, Oscar Rodríguez Estrada e Gregorio Gorriarán foron condenados a dous anos de cadea por un delito de administración desleal xunto cun de apropiación indebida na súa modalidade de xestión desleal.

Comentarios