Tras o auto da Audiencia Nacional

BNG e PSdeG exixen reactivar a comisión sobre as caixas e instan a Feixoo a dar explicacións

Tras o auto da Audienca Nacional que cuestionaba o papel da Xunta na fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

Galiza escolle o 12-X as 75 deputadas e deputados do Parlamento galego (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Parlamento da Galiza (Imaxe: Nós Diario)

BNG e PSdeG esixiron a reactivación da comisión de investigación no Parlamento de Galiza sobre a desaparición das antigas caixas de aforros tras coñecerse un auto da Audiencia Nacional que atribúe á situación financeira de Caixa Galicia o rescate, unha cuestión sobre a que a oposición considera que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, debe dar explicacións.

En concreto, a deputada do BNG Noa Presas volveu reclamar a apertura deste órgano parlamentar. "Vemos que canto máis tempo pasa e máis noticias saen, faise máis evidente que aquí investiga todo o mundo o que ocorreu cun instrumento fundamental para a económica galega, como son as caixas de aforros, menos o Parlamento galego", sinalou.

Neste sentido, denunciou o "veto constante" do Partido Popular nas lexislaturas anteriores e considerou que "non é admisíbel". "Por terceira vez imos tentar que esa comisión se reabra e se peche con conclusións", manifestou.

Ademais, lembrou que o pasado 29 de setembro a súa formación rexistrou unha solicitude que será debatida no próximo pleno da Cámara sobre esta cuestión. "Cada vez hai máis indicios de novos movementos nas estruturas financeiras e bancarias e non pode ser que Galiza non avaliase o ocorrido no pasado para tamén poder tomar as súas decisións de fronte ao futuro", explicou.

Pola súa banda, o deputado socialista Pablo  Arangüena avogou por que se reactive este órgano pero tamén esixiu a comparecencia na Cámara do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, ao considerar que o auto ditado pola Audiencia Nacional "desmente por completo" as súas explicacións.

"Di que Caixanova non fose intervida se non fose  obrigada a fusionarse", sostivo o parlamentario socialista, que lembrou que "o rescate das caixas galegas custo 9.000 millóns de euros de recursos públicos, que foron vendidas por 1.000 millóns e que polo camiño quedaron 8.000 millóns, o 75% do orzamento da Xunta nun ano".

Así mesmo, censurou que o Goberno galego "en ningún momento facilitase o informe de  KPMG que o presidente da Xunta dicía que avalaba esa operación". "O propio responsable de  KPMG dixo aquí que non era así... e agora coñecemos estes datos", denunciou.

Por todo iso, sostivo que Feixoo ten que dar explicacións "xa mesmo" e reclamou tamén a reactivación da comisión de investigación ao considerar que é "un foro adecuado" para "profundar neste tema".

Comentarios