sábado 31/10/20

O Parlamento galego volverá abrir a comisión de investigación das caixas tras oito anos sen ditame

Esta comisión chegará, de confirmarse como é intención, despois de que se coñeceu un auto da Audiencia Nacional.
A suma de votos do BNG e PSdeG non foi suficiente para lograr a creación da comisión de investigación no Parlamento galego (Imaxe: Nós Diario)
(Foto: Nós Diario)

O Parlamento da Galiza volverá contar cunha comisión de investigación da fusión das caixas galegas -Caixanova e Caixa Galicia- e a súa posterior bancarización e venda, máis de oito anos despois de que se abrise por primeira vez na Cámara.

Tanto PP como BNG incluíron na orde do día senllas peticións concretas sobre esta cuestión, pero xa negocian, tamén co PSdeG, un acordo para abrir este órgano de investigación parlamentar co consenso de todas as forzas políticas. A idea é, ademais, aproveitar os traballos realizados, que acabaron sen un ditame da Cámara.

No escenario dunha comisión de investigación a oposición advirte de que, en primeiro lugar, a Xunta "ten" que entregar a documentación que aínda non se enviou no seu día.

Esta comisión chegará, de confirmarse como é intención, despois de que se coñeceu un auto da Audiencia Nacional no que se sostén, sobre a intervención do  FROB relativa ás caixas de aforro galegas, que "a única razón" pola que tivo que actuar "foi pola situación económico-financeira na que se atopaba, en 2010, Caixa Galicia, antes de que se producise a fusión".

Nese mesmo auto, que sinala as responsabildades da Xunta, engádese que "Caixanova nunca sería intervida se non se viu obrigada a fusionarse con Caixa Galicia, dando lugar a  NovaCaixaGalicia".

O resultado da fusión, Nova Caixagalicia, tivo un breve percorrido antes do nacemento de Novagalicia Banco, constituído en setembro de 2011 e de trazado igualmente efémero

En 2013 o grupo venezolano Banesco mercouno por 1.003 millóns de euros. No primeiro ano de actividade da xa denominada Abanca os beneficios da entidade ascenderon a 1.115 millóns de euros.

O Parlamento galego volverá abrir a comisión de investigación das caixas tras oito anos...
comentarios