Santalices supón "que si" haberá ditame sobre a fusión das caixas neste mandato

O representante tamén destaca que, na situación de crise sanitaria e económica actual, "esta ha de ser a lexislatura das persoas". "O Parlamento vai ter que estar á altura", asume nunha entrevista radiofónica.
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente do Parlamento, Miguel Santalices. (Foto: Europa Press)

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices (PP) afirmou hoxe, no decorrer dunha entrevista radiofónica en RNE, que supón "que si" terán ditame da comisión de investigación das caixas de aforros galegas (Caixa Galicia e Caixanova) durante esta lexislatura, que xa é a terceira na que se crea o grupo de traballo. De feito, para o popular houbo "moitos acontecementos que foron xurdindo" nos últimos tempos que agora "se poderán incorporar" as conclusións.

A comisión revitalizouse de forma oficial o 11 de decembro de 2020 e poucos días despois -pero sete anos máis tarde de que fora demandado por primeira vez e seis meses após dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que obrigaba a entregado- o Executivo de Alberto Núñez Feixoo fixo chegar ao Parlamento o informe do que falaba a ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás. Con este se avalou a unión das entidades.

O representante da Cámara recoñeceu que será "interesante ver cal é a opinión e á conclusión a que se chega", pero na conversa que recolleu Europa Press non informou de ningunha data clara para ter ese informe final.

Respecto da comisión para reactivar a economía e a sanidade do país após a pandemia, o presidente afirmou que "sería bo" que houbese un achegamento de posturas de cara ao ditame que xa se atopa en elaboración, porque nas súas sucesivas sesións "se falou de temas que teñen incidencia no eido sanitario, no social e no económico".

Ademais, aludiu á importancia das persoas nesta lexislatura, dadas as circunstancias que decorren. "O Parlamento vai ter que estar á altura", comentou, aludindo a que sería positivo que se dea certo "consenso, sobre todo en temas de transcendencia para Galiza". Pensa que o feito de que haxa menos distribución de asentos por entrar só tres partidos na composición da Cámara vai axudar.

Lei de saúde

Santalices tamén explicou que a reforma da lei de saúde anunciada por Feixoo é necesaria e pediu (nunha mensaxe ao aire destinada ao Goberno do Estado español) que se lle posibilite a "axilidade" aos territorios para tomar decisión en plena pandemia. 

Pese ás críticas dos grupos da oposición (BNG e PSdeG), comentou que aínda "se pode enriquecer moito" o proxecto normativo na tramitación, á vez que deslizou que "sería bo que nesta situación tan especial" se achegasen posturas.

Esa realidade "tan especial" chegou tamén ao Pazo do Hórreo onde se deron "todo tipo de facilidades" para adaptar o traballo e adoptar medidas que "non eran sinxelas", coma o teletraballo, a ampliación dos trámites que se poden facer por vía telemática e a redución da presenza de deputadas e deputados nos plenos.

Comentarios