Os prezos dos vehículos novos alcanzan as súas maiores subas históricas en setembro e outubro

O Índice de Prezos do Consumo (IPC) dos automóbiles novos subiu en outubro 0,2% na comparativa co mes de setembro, cando a cifra de 9,8% do IPC interanual obtivo o seu récord histórico.
A venda de vehículos eléctricos está medrando (Foto: Europa Press)
photo_camera A venda de vehículos eléctricos está medrando. (Foto: Europa Press)

O Índice de Prezos do Consumo (IPC) dos automóbiles novos subiu en outubro no conxunto do Estado español 0,2% na comparativa co mes de setembro, cando a cifra de 9,8% do IPC interanual obtivo a súa cifra récord desde que existen rexistros.

Malia a suba de prezo dos vehículos con respecto ao mes anterior, a comparativa de outubro co mesmo do ano anterior ficou en  9,5%, tres décimas porcentuais por baixo da cifra de 9,8% contabilizada en setembro, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), que non desagrega estes datos no caso da Galiza.

Este rexistro de 9,5% en outubro supón abandonar o récord de 9,8% interanual do mes pasado, mais o décimo mes do ano mantense como o segundo dato máis alto da historia do IPC dos coches novos, cifra que tamén se logrou en xullo. A variación desde o inicio de ano arroxa unha subida do 8,9% no prezo dos automóbiles.

O forte encarecemento dos prezos dos automóbiles, segundo explican fontes do sector, é consecuencia da estratexia das marcas ante a escaseza de microchips, a través da que están a enfocar as súas vendas cara aos segmentos de maior rendibilidade. Ademais, tamén está a aumentar o contido tecnolóxico dos modelos vendidos e a demanda de vehículos eléctricos, de maior custo.

Pola súa parte, os automóbiles usados dispararon aínda máis o seu prezo alcanzando un IPC interanual de 12,6%, á vez que a subida con respecto ao mes de setembro foi de 1,4%. No acumulado dos dez primeiros meses do ano a suba dos coches de segunda man foi de 11,9%.

Ademais, as motocicletas encarecéronse 5,3% o mes pasado respecto ao mesmo mes do ano precedente, aínda que mantiveron os seus prezos sen variación mensual e rexistraron unha suba de 4,9% no que vai de 2022.

Segundo os datos do INE, os pneumáticos tamén experimentaron un significativo aumento de prezo de 13,5% na comparativa interanual durante outubro, de 0,5% respecto ao mes anterior e de 11,6% desde que comezase o exercicio actual.

Do seu lado, as pezas de reposto para vehículos persoais tamén se encareceron 8,7% interanual, 0,4% intermensual e 6,8% desde xaneiro, e os servizos de mantemento e reparación de vehículos aumentaron 5,1% o seu prezo en outubro respecto deste mes do exercicio previo, 0,4% no cómputo intermensual e 4,5% no acumulado do ano.

comentarios