A venda de coches cae 17% na Galiza mentres sobe 1% no Estado

En 2021 matriculáronse 25.419 automóbiles, dos que 9.138 eran híbridos ou eléctricos, que experimentan unha repunta de 42% a respecto do exercicio anterior.
O sector da automoción volveu a cifras negativas despois de case un ano liderando o avance das exportacións galegas (Foto: Stellantis).
photo_camera O sector da automoción volveu a cifras negativas despois de case un ano liderando o avance das exportacións galegas (Foto: Stellantis).

As matriculacións de automóbiles na Galiza situáronse en 25.149 en 2021, o que supón unha caída de 17,4% a respecto de 2020, un ano no que se superaron as 30.000 vendas.

Esta caída contrasta co incremento de 1% que se produce en España, onde se matricularon 859.477 unidades en 2021, aínda que está lonxe dos 1,26 millóns de unidades de 2019, segundo datos das asociacións de fabricantes (Anfac), (Faconauto) e vendedores (Ganvam).

O descenso no país é o terceiro maior entre os territorios do Estado, só por detrás da Rioxa (-19%) e Euskadi (-18,3%). O incremento medio a nivel estatal explícase polo aumento de 15,5% de vendas en Madrid, xa que a maioría dos territorios experimentan retrocesos en 2021.

De tal forma, as vendas na Galiza quedan nunha cota de 2,9% do global do mercado estatal, cando en 2020 supuñan 3,6%. No tocante só ao mes de decembro, vendéronse 2.607 turismos, 37,1% menos, unha das maiores baixadas no Estado.

Caen os vehículos de gasolina e gasóleo, mais soben os eléctricos

Os vehículos de gasóleo son o que padecen o maior descenso en vendas nos concesionarios galegos en 2021, 43,3% menos. Se en 2020 se acadaron as 9.764 matriculacións, en 2021 só foron 5.538.

Tamén hai unha diminución acusada nos vehículos de gasolina matriculados (-26,7%) até quedar en só 10.473 en 2021.

Porén, dispáranse 42,8% as matriculacións na Galiza de vehículos híbridos e eléctricos. Foron 9.138 en 2021 (6.397 en 2020), unha cifra que se aproxima xa aos datos de vehículos de gasolina.

Comentarios