O parque móbil galego envellece e 80% dos coches que se compran son usados

A venda de vehículos de segunda man medrou 4,7% na Galiza en 2021 mentres que as novas matriculacións descenderon 17,4%.
Catro de cada cinco vehículos (82,2%) que se venderon na Galiza o pasado ano fixérono no mercado de segunda man (Foto: Ancove).
photo_camera Catro de cada cinco vehículos (82,2%) que se venderon na Galiza o pasado ano fixérono no mercado de segunda man (Foto: Ancove).

A Galiza leva anos padecendo o problema da perda de poboación, cun saldo vexetativo negativo, ao producirse máis falecementos que nacementos. Algo similar parece estar acontecendo co parque móbil, cada vez máis avellentado.

En 2021, as vendas de vehículos novos experimentaron unha caída interanual de 17,4%, con 25.149 unidades vendidas. Foi o terceiro maior descenso de todo o Estado, por detrás dos da Rioxa (19%) e Euskadi (18,3%). 

Pola contra, segundo avanzou onte a Asociación de Comerciantes de Vehículos (Ancove), a venda de coches de segunda man ascendeu no mesmo período 4,7%, alcanzando as 121.380 unidades vendidas. 

Aínda que o incremento é o segundo menor do Estado, só superando ao de Catalunya (3,2%), o dato máis salientábel é que catro de cada cinco coches que se venden no país son usados.

As vendas de vehículos novos representan tan só 17,2% do total, un feito que ten moito que ver coa crise de compoñentes que está a afectar ao sector da automoción ─a fábrica de Stellantis en Vigo acumula numerosas paradas por falta de compoñentes─ á que se suman os problemas na loxística internacional, con aumentos significativos nos prazos de entrega. 

Prezos á alza

Este incremento da demanda de vehículos de segunda man ten consecuencias no propio mercado. Por unha parte, a oferta de vehículos é cada vez menor, xa que parte dos coches que se comercializan son os que entregan os condutores e condutoras cando adquiren un automóbil novo no concesionario e os que chegan adoitan ser máis antigos.

Por outro lado, esa caída da oferta está a favorecer un incremento dos prezos. O prezo medio destes vehículos (dato de setembro) é de 9.900 euros, 2,8% superior ao do mesmo período de 2020. Esa suba, segundo apuntan desde Ancove, concentrouse nos turismos máis antigos, os de máis de oito anos, que presentan un prezo medio de 7.543 euros.

Risco para a seguridade

Hai unhas semanas, o director xeral de Tráfico, Pere Navarro, incidía nunhas xornadas sobre seguridade vial da "necesidade" de frear o avellentamento do parque móbil e puña o foco no mercado de segunda man. 

"Interésanos renovar para evitar a compravenda de vehículos. Non pode ser que haxa transferencias e compravendas de vehículos de grande antigüidade", alertaba o responsábel da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

En especial, Navarro amosaba a súa preocupación polo auxe das vendas do denominado "coche mileurista", vehículos de segunda man moi económicos, precisamente pola quilometraxe ou a antigüidade, dous parámetros que os afastan dos niveis de seguridade que presenta un coche moderno.

Para reverter esta situación, o director xeral de Tráfico instaba ás Administracións ─tanto a galega como a estatal─ a tomar medidas para incentivar as  compra de vehículos novos máis aló dos plans Renove e Moves, aínda que tamén recoñeceu que a incerteza sobre o futuro do sector (electrificación, restricións aos diésel, etc) están a facer que moitos condutores e condutoras adíen a decisión de compra. 

Comentarios