Máis de 4.000 postos laborais na automoción fican no ar

A fin do coche de combustión xa ten data. A partir de 1 de xaneiro de 2035 queda prohibida a venda de vehículos de gasolina, diésel ou híbridos non enchufábeis. A medida pon en risco máis de 4.000 empregos na Galiza.
Cadea de montaxe de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Cadea de montaxe de Stellantis en Vigo. (Foto: Europa Press)

A obrigatoriedade do uso do coche eléctrico na Unión Europea a partir de 2035 está a xerar incerteza no sector do automóbil e provocar cambios no modelo de negocio por parte dos principais operadores do mercado. Ao tempo, a medida ten un efecto relevante na decisión de compra das usuarias e usuarios, até o punto de sinalar no seu último informe Bloomerg, que os vehículos eléctricos representarán 21% de vendas totais de novos vehículos a nivel mundial en 2025.

A China e Europa lideran as vendas de vehículos eléctricos e a previsión é que o sigan facendo en tres anos, polo que o ritmo de electrificación dos seus parques automobilísticos representará 39% das vendas en 2025. Na mesma liña, no mes de xullo, significaban 3,48% da cota de mercado do Estado español, despois de que as matriculacións de coches novos electrificados medrasen 53,08% no primeiro semestre respecto ao ano 2021. O sector do automóbil xera na Galiza máis de 23.500 empregos directos e unha facturación da orde de 11.200 millóns de euros.

Porén, a prohibición do vehículo de combustión vai ter un forte impacto no emprego. A este respecto, un informe elaborado a instancias da patronal europea do automóbil apunta á destrución de 500.000 empregos no sector para o conxunto da Unión Europea até 2040. No mesmo relatorio, prevese a perda de 63.000 postos de traballo no Estado español e 4.400 na Galiza.

O relatorio da patronal europea do automóbil afirma que a fabricación do vehículo eléctrico require moita menos man de obra que o coche de combustión. Así, sinala que só serán precisos seis de cada 10 empregos actuais, no suposto  de que a transición dun a outro coche se formule nos termos aprobados polo Parlamento europeo. Asemade, recolle que esta reestruturación impactará no conxunto da cadea de valor do sector, polo que á marxe dos postos de traballo directos perderanse, tamén, empregos en negocios como talleres, concesionarios ou empresas loxísticas.

Preocupación nas fábricas

A preocupación é evidente entre as compañías do automóbil da Galiza. O denominado Clúster de Empresas de Automoción da Galiza (Ceaga), con perto de 200 compañías asociadas, é consciente dos riscos que enfronta.

Tanto é así, que 30 sociedades, que suman máis de 4.000 traballadores, dedícanse a procesos industriais vinculados a fabricación de motores de combustión. Neste caso, as sociedades deberán reconverterse ao non ser precisas para o proceso produtivo do coche eléctrico.

As empresas máis afectadas pola entrada en funcionamento do vehículo eléctrico son aquelas dedicadas á fabricación de depósitos de urea para a redución de emisións, como Akwell, bocas de carga, como Maier Ferroplast, circuítos de carburante, como Plastic Omniun, modelos de refrixeración do motor, como Denso, ou produtos para o depósito combustíbel, como TI Fluid Systems. Na mesma dirección, atópanse moi expostas a esta mudanza outros grupos presentes en Vigo como Copo, Trèves, Hispaplasti ou CIE Galfor.

Comentarios