O prezo do aluguer sobe 6,6 % no último ano na Galiza

O prezo do arrendamento "continúa á alza de maneira significativa en todas as comunidades" e volve chegar a prezos máximos, salienta 'Fotocasa'.
Bloques de vivendas no barrio compostelán de Vite. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Bloques de vivendas no barrio compostelán de Vite (Foto: Xunta da Galiza).

O prezo da vivenda de aluguer na Galiza subiu 6,6 % na súa variación interanual no mes de xaneiro, cun prezo de 8,61 euros o metro cadrado, mentres que a súa variación mensual foi negativa (-0,2 %), tal e como reflicten os datos do Índice Inmobiliario Fotocasa.

Segundo trasladou Fotocasa a través dun comunicado, o prezo do arrendamento "continúa á alza de maneira significativa en todas as comunidades" e volve chegar a prezos máximos, alcanzando nivel estatal un prezo "récord" en xaneiro de 2024.

Isto débese, segundo afirmou a directora de Estudos e portavoz de Fotocasa, María Matos, ao "gran desequilibrio" que sofre o mercado entre a oferta e a demanda, que "non permite que o prezo se axuste". Ademais, as "inxerencias lexislativas e macroeconómicas no mercado" impactan na súa volatilidade deixando "consecuencias tan graves como a redución da oferta, que se sitúa baixo mínimos en 2024".

A pesar disto, a Galiza é dos territorios que menos incrementou o prezo interanual, só por diante de Cataluña (6,3 %), Murcia (6,0 %), Castela a Mancha (5,1 %) e Estremadura (2,8 %).

Por provincias galegas, a orde de incrementos interanuais sitúa en primeiro lugar a Pontevedra (7,5 %), a continuación Ourense (5,7 %) e logo A Coruña (5,4 %), mentres que en Lugo baixa -0,3%.

Doutra parte, con respecto aos prezos de alugueiro de vivenda por provincias, é Pontevedra a máis cara con 9,79 euros por metro cadrado ao mes, seguida da Coruña con 8,45 por metro cadrado ao mes, Lugo con 6,66 euros por metro cadrado ao mes e a máis barata Ourense con 6, por metro cadrado ao mes.

Por concellos

No respectivo a municipios, oito dos nove analizados presenta un incremento no prezo das vivendas en aluguer respecto ao ano anterior, sendo Lugo a cidade que máis incremento un 11,1 % en xaneiro, seguida por Ourense cun 10,5 %, Narón cun 8,6 %, Santiago cun 8,4 %, A Coruña cun 6,5 %, Vigo cun 5,3 %, Pontevedra cun 4,8 % e Ferrol cun 3 %.

Comentarios