18-F | Vivenda

Alugueiros disparados, mozos que non poden emanciparse e falta de vivendas: as baldías promesas do PP

Os gobernos de Feixoo e Rueda construíron menos vivendas protexidas en 15 anos que o Goberno de PSdeG e BNG en catro.
Vista dun edificio de vivendas en Ourense (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Vista dun edificio de vivendas en Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press).

O acceso á vivenda é hoxe un dos principais problemas aos que ten que facer fronte a cidadanía galega, en especial as persoas máis novas. Os alugueiros non fan máis que medrar e hoxe, segundo un recente estudo do portal inmobiliario Fotocasa, un piso de 60 metros cadrados xa rolda os 517 euros mensuais de media na Galiza. Unha cifra que se eleva até os 607 euros na Coruña, a cidade co prezo medio máis alto actualmente.

E adquirir unha vivenda en propiedade tampouco resulta hoxe sinxelo, pois, mentres aumenta o custo da vida a un ritmo superior ao que experimentan os salarios, o metro cadrado cotizou en xaneiro deste ano a 1.380 euros, o nivel máis elevado do último lustro e unha repunta de 3,1% respecto ao mesmo mes de 2023, segundo outro estudo de Idealista. Aliás, a suba dos tipos de xuro dificulta tamén a solicitude dunha préstamo e, de feito, o número de hipotecas concedidas comezou tamén a caer significativamente nos últimos meses.

E ante a inminencia dunha cita electoral como a do vindeiro 18 de febreiro, a vivenda irrompe con forza na campaña. No debate desta sexta feira na Cadena SER, o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, avogou por construír 2.500 novas vivendas públicas cada ano da próxima lexislatura e rehabilitar o parque existente; a do BNG, Ana Pontón, puxo o foco nas grandes dificultades das e dos mozos galegos para se emanciparen e chamou a mobilizar toda a vivenda baleira e poñela no mercado a un prezo limitado para dar unha pronta solución, mentres o número 6 do PP por Pontevedra, Alberto Pazos, na liña do anunciado previamente polo presidente da Xunta e candidato popular, Alfonso Rueda, alcanzar nos próximos catro anos as 20.000 vivendas con réxime de protección.

Rueda, de feito, comprometeuse esta semana novamente a duplicar o parque público de vivendas da Galiza, pasando das 3.800 actuais a 8.000. Todas estas promesas, porén, contrastan coas cifras reais dos últimos tres lustros de gobernos do PP, primeiro con Alberto Núñez Feixoo como presidente e despois, desde 2022, con Alfonso Rueda aos mandos.

En todo este tempo erguéronse na Galiza unhas 6.000 vivendas protexidas, cifra que contrasta coas arredor de 11.000 que se construíron nos catro anos que durou o Goberno de coalición de PSdeG e BNG, entre 2005 e 2009. A isto súmase, aliás, a manifesta insuficiencia dos recursos presentes, pois actualmente hai perto de 17.000 persoas inscritas nos rexistros de demandantes de vivenda protexida na Galiza.

As 3.800 vivendas do parque público da Xunta supoñen só 0,32% das vivendas principais, tres veces menos que a media estatal (0,96%) e 30 veces menos que a da Unión Europea (9,3%) No circuíto comercial, as vivendas para alugar non sobrepasan as 3.000, segundo a patronal inmobiliaria; mentres que os prezos non paran de aumentar: 7% de suba no arrendamento de novembro de 2022 a novembro de 2023.

Comentarios