A previsión de caída do PIB estatal en 0,2% eleva o risco de crise económica

A previsión do Produto Interior Bruto (PIB) no Estado español confirma o risco dunha contracción da economía, que podería ser máis acusada na Galiza. Ademais, o valor do euro cae a mínimos históricos e a actividade privada da zona da moeda derrúbase en plena suba dos prezos enerxéticos.
O cambio do euro fronte ao dólar chegou a baixar onte até os 0,9902, o seu valor máis baixo desde febreiro de 2002 (Foto: Nós Diario).
photo_camera O cambio do euro fronte ao dólar chegou a baixar onte até os 0,9902, o seu valor máis baixo desde febreiro de 2002 (Foto: Nós Diario).

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF) prevé que o PIB do Estado español retroceda 0,2% no terceiro trimestre do ano en taxa intertrimestral, o que se correspondería cunha taxa interanual no período de 3,4%. 

De acordo coa última actualización do modelo de previsión da evolución do PIB en tempo real (MIPred) publicado esta terza feira pola AIReF, o nivel de actividade situaríase 2,7 puntos porcentuais por baixo do correspondente ao cuarto trimestre de 2019, antes da pandemia.

Para o conxunto de 2022, a AIReF prevé un crecemento de 4,2% para a economía do Estado español, unha décima menos que nas súas anteriores estimacións de abril (4,3%), e sitúa a taxa de inflación media do exercicio no 7,8%.

As predicións realizadas esta terza feira pola AIRef acrecentan as perspectivas de desaceleración da economía estatal, unha realidade que podería ser aínda máis acusada na Galiza de cara ao futuro, pois segundo prevé BBVA Research, en 2023 a economía galega terá un crecemento até un punto porcentual menor que a do conxunto do Estado, ficando en 0,8%, o nivel máis baixo do conxunto de territorios estatais, para os que estima unha media de 1,8%. 

O valor do euro cae a mínimos históricos

A perspectiva de crise económica no Estado español e na Galiza está a ser acompañada por unha caída do valor do euro, posto que a cotización da moeda caeu esta terza feira aos niveis mínimos con respecto ao dólar desde hai 20 anos.

O cambio do euro fronte á moeda americana chegou a baixar esta terza feira até os 0,9902 dólares desde os 0,9941 dólares do fechamento anterior, o que supón o peor cambio da moeda empregada por Estados da Unión Europea desde febreiro de 2002, cando só levaba un mes en circulación.

Así, a cotización do euro fronte ao dólar segue por baixo da paridade ante a preocupación polo abastecemento de gas e as perspectivas que apuntan a un crecente risco de recesión na área de influencia da moeda. 

Un risco que se ve referendado pola evolución económica do conxunto da zona euro pois a deterioración da actividade do sector privado da área intensificouse en agosto, cando o dato preliminar do índice composto de xestores de compra (PMI) situouse en 49,2 puntos desde os 49,9 de xullo, o que supón a súa peor lectura en 18 meses, cando a economía sufría aínda as consecuencias da pandemia, segundoa consultora económica S&P Global Market Intelligence.

Pola súa parte, o PMI manufactureiro da área do euro caeu a 49,7 puntos desde 49,8 en xullo, en mínimos de 26 meses, cando as medidas contra a pandemia da Covid se atopaban no seu momento máis extremo.

"Parece que o que resta de 2022 será un período difícil para as firmas da zona euro", advertiu Andrew Harker, economista xefe da consultora económica.

Especialmente pronunciada é a caída do PMI na principal economía da zona euro. Alemaña rexistrou un valor do índice en agosto de 47,6 puntos desde os 48,1 de xullo, o que supón a peor lectura do dato en 26 meses.

"A probabilidade de que o PIB diminúa no segundo semestre aumentou de forma significativa", sinalou esta terza feira o Bundesbank, o banco central alemán, que espera que a taxa de inflación alcance "novos máximos en outono".

Dispáranse a luz e o gas

O prezo medio da luz para os clientes de tarifa regulada vinculados ao mercado almacenista volverá subir esta cuarta feira, cun incremento de 19,4% con respecto a esta terza feira, para situarse nos 436,25 euros por megawatt hora (MWh), rexistrando así un novo máximo desde a entrada en vigor da 'excepción ibérica' para pór tope ao prezo do gas para a produción eléctrica, segundo os datos provisionais do Operador do Mercado Ibérico de Enerxía. 

Este novo récord no período coincide coa suba nos contratos europeos de futuros do gas natural (aquelas compras e vendas acordadas con anterioridade), negociados na plataforma holandesa TTF, referencia no continente, que chegaron a alcanzar esta terza feira unha cotización de até 295 euros por megawatt hora (MWh), o que supón o seu maior nivel de prezos desde o pasado mes de marzo.

Comentarios